Xa non sorprende os “agasallos” que tiña preparada a Consellería de Educación para o profesorado neste curso 2022/23. Outra vez vemos como aumenta a inútil burocracia grazas a informes de pendentes, alumnado repetidor, etc. Pero son informes individualizados, iso si, porque a Consellería é o que quere vender, un ensino que se adapta ás necesidades individuais do alumnado. Román no país das piruletas, poderíamos chamalo.
Que ensino individualizado poderemos ofrecer coa falta de persoal especializado? Semella que os centros de ensino deben realizar sacrificios aos deuses para contar con especialistas en Pedagoxía Terapéutica, AL ou atención á diversidade e aínda así, nunca son suficientes. Supoñemos que co interese que ten a Xunta en promover o Camiño, unha boa publicidade poderían ser miles de docentes peregrinando en busca do auxilio do Apóstolo para que se nos apareza na aula como se a Batalla de Clavijo fose para atender ao alumnado con NEAE.
Os departamentos de orientación, afogados tamén nunha crecente burocracia e sen persoal ningún, como poden coñecer as necesidades do seu alumnado? É imposible que as orientadoras teñan unha entrevista de xeito con todo o seu alumnado. Aínda por riba agora van ser coordinadoras de benestar, de que benestar estamos falando? Supoñemos que aquel que producen os billetes que a Xunta de Rueda pon nos petos dos empresarios do ensino concertado.
Unha nova lei promete acabar co “corset” dos estándares de aprendizaxe e resulta que as programacións PROENS, coa súa rixidez, volven estrangular as posibilidades de flexibilidade e adaptación ás circunstancias cambiantes, individuais e grupais, da aula. Iso si, que bonito queda nunha apilcación modernísima ver porcentaxes, pesos e outras cifras que sirvan para maquillar o fracaso escolar.
Pois iso, que somos modernísimos, ABALAR permítenos ter dispoñibilidade 24/7 e mandar todos eses “informes individualizados” polo ciberespacio a velocidade ultrasónica ata as casa das familias para solucionar os problemas educativos das súas fillas.
As ratios, o profesorado insuficiente, as materias afíns, a falta de recursos e espazos axeitados… Suma e segue. Un engano, pura publicidade, márquetin do cutre, a Consellería quere converternos en vendedores de fume. Román o gran prestidixitador, converte o ensino público galego nunha escombreira: profesorado, alumnado e familias tirados nos centros de ensino como se fosemos os entullos da maravillosa nova sede da Xunta en San Caetano.
Traballadoras do ensino e familias temos que loitar contra a epidemia da precarización e privatización do ensino e dos servizos públicos galegos.
Camiñemos todas xuntas cara unha FOLGA XERAL, é necesario, é o momento.