A Central Unitaria de Traballadoras decidiu darlle outro pulo máis ao espazo multidisciplinar da Casa Obreira, promovendo unha nova actividade este venres, 10 de xuño no espazo nacional do sindicato situado no barrio compostelán de Sar (Finca Tenencia de Velasco).
Nesta ocasión, tras a benvida do secretario xeral Ricardo Castro ás 20 h, proxectarase o documental “Vigo. 1972” de Roi Cagiao.
Tras a proxección, o Leo de Matamá porá o broche musical á xornada cun concerto ás 22 h que, de acompañar o clima, terá lugar ao aire libre, no espazo exterior da Casa Obreira.
Esta iniciativa supón o relanzamento do proxecto da Casa Obreira, xa inaugurado o ano pasado e que pretende ser un espazo de encontro e debate aberto a todas as persoas, construíndo conciencia colectiva dende o apartado lúdico, cultural e de formación.
Neste senso, a comisión que impulsa a Casa Obreira prevé celebrar máis actividades no verán e crear unha programación ampla e estable a partir de outono.