Cando aínda non pasaron vinte e cinco anos da catástrofe do Prestige, as costas galegas volven a ser agredidas, esta vez por unha marea plástica que baba nos areeiros desde Ribadeo até a Ría de Vigo. Como cando o Policomander, o Urkiola ou o Casón, os responsábeis políticos da Xunta e dos do Goberno de Madrid tratan esta nova catástrofe como se os galegos e galegas foramos cretinos.
Tanto os persoeiros da Xunta coma os impresentábeis do Goberno “progresista” español tratan de establecer matrices de intoxicación que o único que fan é despistar á opinión pública sobre os verdadeiros motivos e verdadeiros responsábeis deste novo desastre ambiental. Así son instalados pseudo-debates de quen veu primeiro os pellets ou de quen primeiro tiña que avisar.
” Como ocorre nestes casos, a lectura científica sempre se fai a medio e longo prazo. En calquera caso, a falta desas conclusións, todo indica que esta é unha coitelada de morte. Unha máis.”
Os medios de desinformación, como sempre, recorren ás opinións autorizadas de Premios Nobel coma o Patrón Maior de Muxía ou o Conselleiro Villares, repetindo como loros trapalladas que atentan á intelixencia. Doutra banda a versión oficial sitúa a nova catástrofe en quen avisou ou tiña que ter avisado: se Madrid á Xunta ou a Xunta a Madrid. Grotesco.
Está por ver (oxalá sexa pronto) o grado de toxicidade do plástico ciscado, da súa afectación ao medio natural e particularmente ao ser inxerido polos peixes. Como ocorre nestes casos, a lectura científica sempre se fai a medio e longo prazo. En calquera caso, a falta desas conclusións, todo indica que esta é unha coitelada de morte. Unha máis.
Non hai peor cego que o que non quere ver. A verdadeira e máis grande toxicidade segue estando en Madrid e en Europa, e non por que eximamos ao PP da Xunta da súa responsabilidade. Ao actual sistema económico e político só lle interesa o lucro, as demais consideracións non existen aínda que sigan enganando aos incautos. Onde están as responsabilidades derivadas do caso Prestige? Onde quedou o chamado DSM (Dispositivo de Separación Marítima) de Fisterra? Cal é a verdadeira capacidade inspectora das autoridades marítimas? Ten o Goberno Español capacidade no mar para efectuar a vixiancia, inspección e control na seguridade marítima? É evidente que non pero tampouco nunca houbo intención. Sen embargo para a “Operación Atalanta” ou para acompañar o xenocidio palestino si que os hai.
“Pretender analizar a vertedura do granulado plástico de maneira illada dos demais factores, sería semellante a pretender coller boliñas plásticas coa peneira sen atrapar outro tipo de elementos presentes na area. A costa galega está sendo matada sistematicamente dende a década dos setenta do século pasado para acó.”
Temos que denunciar o vertido dos pellets, claro que si. Temos que denunciar as irresponsabilidades na xestión da Xunta e do Goberno “máis progresista da Historia”, por suposto. Pero temos que analizar dun xeito serio o problema se non queremos caer na demagoxia barata da foto no areeiro coa peneira na man. Nunca tan lonxe se chegou na impostura politiqueira electoral. Ollo porque algúns poden converter a campaña dos pellets nun búmerang!
Pretender analizar a vertedura do granulado plástico de maneira illada dos demais factores, sería semellante a pretender coller boliñas plásticas coa peneira sen atrapar outro tipo de elementos presentes na area. A costa galega está sendo matada sistematicamente dende a década dos setenta do século pasado para acó.
Os aterramentos masivos das nosas Rías, os monocultivos masivos de piñeiros e eucaliptos –combustible anterior aos incendios- e a ocupación urbanística do noso litoral son os factores principais da morte planificada do noso litoral. Sen obviar aldraxes como Celulosas- Elnosa de Lourizán ou a Mina de Touro.
Todo isto responde á inercia destrutiva do capitalismo. Todos estes desastres teñen responsábeis con nome e apelidos que xamais comparecerán diante de ningún xuíz nin pagarán por nada. Fai quince días o pailán que exerce de alcalde de Vigo anunciaba a construción de 30.000 vivendas co novo Plan de Urbanización. Ninguén abriu a boca para denunciar tal aldraxe, nin por suposto a abriron as que aspiran a botar da Xunta ao PP.
Secretariado Político da CUT