Reivindicacións para o persoal docente na nova Formación Profesional

162

O Real Decreto 659/2023, 18 Xullo, de Ordenación do Sistema Integrado de FP, Título V (art. 165 a 175), incorpora novos perfiles á Formación Profesional e flexibiliza a contratación de actores empresariais para impartir formación no sistema público regrado. 

A continuación analizamos as novidades que nos parecen máis relevantes en relación ao profesorado, formadores e expertos na nova normativa de FP: 

En canto aos requisitos para impartir docencia (art. 165.6) contémplase que cando non existise profesorado dos corpos de FP, nin interinos nas listas, poderanse incorporar persoas expertas do sector produtivo non necesariamente tituladas. As Administracións Educativas deberán abrir listas de interinos nos meses anteriores. 

Isto supón un afondamento na precarización laboral, renunciando por parte da Administración a realizar unha planificación de postos de traballo de acordo ás necesidades do servizo e precisando os requisitos para o desempeño da profesión en termos de igualdade, mérito e capacidade por parte de todo o profesorado. Por outro lado, resulta preocupante que non se garanta un mecanismo para evitar a arbitrariedade nas contratacións destes profesionais aos que non se lles vai exixir nin titulación, nin pasar por un proceso de concurso-oposición, nin pertencer a unha lista de interinidade.  

O mesmo artigo no punto 4, establece que o profesorado de FP poderá completar a súa xornada e horario impartindo accións formativas de graos A, B e C (actual Formación para o Emprego), así como ampliar voluntariamente a súa dedicación, considerándose de interese público a efectos de compatibilidade. A redacción deste apartado é confusa, xa que non queda claro que esas ampliacións de dedicación estean remuneradas, por outra banda tampouco se xustifica unha ampliación de xornada sen recorrer a máis contratación de persoal docente. 

Incorpóranse novas figuras profesionais nos Centros de FP (artigo 166): 

  • Responsable de innovación de FP: entre as súas competencias está a relación con empresas, centros tecnolóxicos e departamentos universitarios de investigación, participar en proxectos coa rede de centros de excelencia, coordinar e impulsar proxectos innovadores no centro, etc. 
  • Responsable de internacionalización de FP: que impulsará estratexias de internacionalización do centro, como dobres titulacións internacionais, ofertas bilingües, mobilidade de alumnado e profesorado, participación en proxectos internacionais… 
  • Titor dual do centro de FP: encargado de establecer e desenvolver as relacións entre o centro de FP e as empresas; seguimento das actividades durante a formación na empresa velando polo aproveitamento por parte do alumnado etc. 
  • Responsable coordinador do servizo de orientación profesional, emprendemento e o procedemento de acreditación de competencias profesionais no centro, en caso de que este non dispoña dun departamento de orientación: encargarase de deseñar e desenvolver a estratexia de orientación do centro, promover o emprendemento en todos os módulos profesionais e proxectos, coordinar a orientación referente ao procedemento de acreditación de competencias, etc. 

Botamos en falta na lei e exiximos á Consellería nas súas competencias a tradución nun recoñecemento económico, con complementos retributivos específicos, para estas novas responsabilidades. Tamén unha regulación clara en canto a carga horaria para estas tarefas: o artigo 167 aborda esta cuestión pero dun xeito indefinido, establecendo que as Administración Educativas (Consellería de Educación) “poderán” contemplar no horario do profesorado a dedicación a estas funcións.  

Flexibilízanse os requisitos para impartir oferta de FP nos centros privados non incorporados ao sistema educativo: o 40% do equipo docente non ten porque cumprir os requisitos académicos de titulación, podendo ser expertos do sector produtivo cunha experiencia de polo menos 4 anos. (art. 168) 

Aparecen novos perfís docentes colaboradores nos centros de FP (art. 170-174): 

  • Experto de sector produtivo: cando os centros ou administracións requírano, para cubrir as necesidades de formación ou para garantir o dominio de procesos específicos, poderanse contratar profesionais expertos do sector produtivo para impartir formación relacionada coa súa experiencia. 
  • Experto sénior de empresa: cando así se requira para cubrir as necesidades de formación nas ofertas ou para garantir a permanente actualización do currículo e a súa relación coa realidade produtiva. 
  • Prospector de empresas: para facilitar contactos entre centros de FP e as empresas. Esta figura poderá ser promovida desde as administracións autonómicas, locais ou axentes dinamizadores territoriais, por tanto, non ten que ser de carácter docente.  
  • Persoal de apoio especializado a persoas con discapacidade: facilitaranse os recursos materiais e humanos para a igualdade de oportunidades de persoas con discapacidade e dificultades de inserción sociolaboral. Se terá en conta as persoas con necesidades de apoio educativo a efectos de configuración de grupos e desdobres. 

A contratación destes expertos e prospectores de empresas pode ser delegada nos órganos de goberno dos centros do sistema de FP de titularidade pública (artigo 203.5). Polo que outra vez ao lexislador esquecéuselle prever un mecanismo para garantir a contratación destes profesionais de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade. 

Estes novos perfís, ademais, poden coincidir coa figura de profesores especialistas do RD 1560/1995, de 21 de setembro, que vén permitindo, con carácter excepcional, a contratación de profesionais de recoñecida competencia pola súa experiencia profesional, máis o decreto de ordenación de FP non aclara se queda derrogada dita normativa, unicamente fai referencia a que se derrogan as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste RD. 

Por último sorprende o perfil de Experto sénior docente (profesorado fóra do servizo activo que estea interesado en desempeñar tarefas de mentoría ou apoio dentro da aula, sen que iso implique nin o desempeño dun posto de traballo nin retribución salarial). 

  

Por todo isto, a CUT reivindica: 

  • Remuneración específica para impartir accións formativas de graos A, B e C (actual Formación para o Emprego) para que non supoña unha ampliación de xornada de balde.
  • Recoñecemento económico, con complementos retributivos específicos, para todas as tarefas (responsables de innovación, internacionalización, titores duais, coordinadores …)
  • Regulación horaria clara coa suficiente redución da carga lectiva para asumir estas novas responsabilidades.
  • A non flexibilización dos requisitos para impartir oferta de FP nos centros privados non incorporados ao sistema educativo.
  • Establecemento dun procedemento que garanta a contratación dos expertos e prospectores de empresas de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade. 

Rexistramos este escrito ante a Consellería para dar voz ás nosas reivindicacións e exixir solucións ao futuro goberno da Xunta de Galicia despois deste 18F que contemple a nova lei de FP. 

CUT Ensino. Sección de FP.