O 1º de maio é unha data que debemos recuperar na súa esencia, unha data que require reivindicar – dende a conciencia de clase- a nosa dignidade e os nosos dereitos; unha data na que o sindicalismo combativo ten que mostrar nas rúas que existe, porque só así somos quen de transformar a realidade social. A nosa proposta é a construción do individual dentro do colectivo, a clase traballadora non é unha suma de egos, senón un “eu” colectivo: somos eu porque somos nós. Ese é o facho que guiou á CUT dende o seu nacemento hai xa vinte cinco anos, o facho que pretende manter aceso nas difíciles circunstancias que hoxe estamos a vivir.
“Salarios decrecentes, carestía da vida, exclusión social, neoliberalismo de corte fascista, individualismo e consumismo, crise ambiental aguda, a Xunta coma o pazo do PP… Son as claras condicións obxectivas que deberían levar a que o pobo ordenara. Pero non é así”
Precariedade laboral, perversión semántica nas reformas do goberno español para agochar a temporalidade, accidentes mortais de traballo en aumento, salarios decrecentes, carestía da vida, exclusión social, neoliberalismo de corte fascista, individualismo e consumismo, crise ambiental aguda, a Xunta coma o pazo do PP… semella un esaxerado relato apocalíptico pero é a realidade empírica. Son as claras condicións obxectivas que deberían levar a que o pobo ordenara, a que o pobo fose quen de erguerse con dignidade para borrar do mapa a todos os xestores útiles do capital. Pero non é así, non se dan as condicións subxectivas por moitas causas que non imos analizar agora: alienación, medo, comodidade, complicidade, crédulos inocentes do sistema…
“A política actual serve só aos intereses do capital, véndese a cambio de maior representación nun parlamento que non ten, nin terá, competencias para mudar as nosas vidas porque é un parlamento colonizado por dous elementos: España e o capitalismo.”
O Réxime franquista, fortalecido no seu día polos EEUU e polos seus fíos internacionais, comezou a cimentar o sistema que hoxe está a chegar ao grao de excelencia: o capitalismo fascista e os seus cómplices necesarios, é dicir, a socialdemocracia e o “neocomunismo cuqui”. O “desarrollismo” franquista comezou o ataque ao medio natural e a colonización en base a rendementos económicos para determinadas empresas, non hai máis que lembrar as loitas levadas a cabo en Galicia na década dos sesenta polos encoros en Castrelo do Miño, Frieira e Portodemouros. Este último no curso do río Ulla, comarca onde semella que se vai celebrar o aniversario da desfeita coa aprobación no parlamento de Galicia do proxecto de ALTRI, un proxecto polo que votaron a favor PP, PSOE e BNG no seu día, por moito que agora pretendan algúns abandeirar a loita contra esta nova aldraxe.
Esta é a clara mostra de que a política actual serve só aos intereses do capital, véndese a cambio de maior representación nun parlamento que non ten, nin terá, competencias para mudar as nosas vidas porque é un parlamento colonizado por dous elementos: España e o capitalismo.
“A nosa obriga, como clase traballadora e polo tanto solidaria, non é outra que estar cos pobos oprimidos na trincheira da dignidade, custe o que custe.”
Nin o estado español nin a Xunta de Galicia van solucionar os nosos problemas, tanto ten onde deleguemos hoxe o noso voto porque non hai quen represente ao pobo. O seu obxectivo é lexislar e lexislar para facer que fan; inventan solucións e inventan mil contradicións a resolver para esquivar as dúas contradicións principais: o sistema capitalista e España. Dúas contradicións que nos están tamén a levar a ser cómplices necesarios dun conflito bélico internacional para o que xa quecen motores e tamén nos levan a ser cooperadores necesarios no xenocidio de Israel con pobo palestino. A nosa obriga, como clase traballadora e polo tanto solidaria, non é outra que estar cos pobos oprimidos na trincheira da dignidade, custe o que custe.
A CUT cumpre XXV anos, con moitos erros e algúns acertos, pero se de algo podemos estar seguros e seguras é de que seguimos a ser unha organización necesaria porque somos libres, non somos a correa de transmisión de ninguén, somos necesarias porque traballamos para ocupar o baleiro que deixaron os sindicatos que queren xogar a outra cousa, somos necesarias porque a nosa presenza xa obriga a outros a non despistarse. Somos necesarias se conseguimos non renunciar á historia, do contrario seremos prescindibles.
Este 1º de maio ten que converterse nunha forza que nos impulse cara un futuro mellor, aquel no que o pobo ordena, porque do contrario o capital destrúenos.
VIVA O 1º DE MAIO!