Remata o ano 2023 e tócanos reflexionar sobre o tempo, o que se foi e o que se achega. Se volvemos a vista cara atrás, e imos ao ano 2008, estariamos de acordo ao sinalar que esa nova crise do capitalismo ía marcar os anos que viñeron logo. Sen entrar na análise do acaecido coas “subprimes”, é obvio que aquilo levou ao primeiro cuestionamento masivo, por parte das clases populares, do sistema capitalista dende a caída do bloque soviético en 1991. Queda aínda pendente unha análise polo miúdo da fuxida descarnada da socialdemocracia cara o capitalismo e do silencio intelectual, e rendición da esquerda real, tras esa caída do contrapeso comunista, pero hoxe excede ao que queremos dicir.
Aquela crise do ano 2008 encheu as rúas de clase traballadora farta do sistema, deu pé ás Marchas da Dignidade e ao seu lema de “Pan, traballo e teito”, obxectivo aceptado pero non acadado, ao igual que a “igualdade, liberdade e fraternidade” conxeladas en 1789. Tamén deu pé ao que logo coñecemos coma “nova política”, e que obviamente non o era. A forza popular das rúas foi de novo utilizada por falsos mesías que repetiron o modelo de traizón do réxime do 78. Prometeron asaltar o pazo de inverno e derrogar o réxime do 78, pero o seu verdadeiro obxectivo era pisar moqueta e fortalecer o sistema a cambio de ser acollidas nel.
Nestes días de nadal poderiamos lembrar a beneficencia decimonónica das señoras dos grandes industriais, acudindo -tan boas elas- aos barrios obreiros para limpar as súas conciencias con agasallos e doazóns daquilo que xa non queren. Esa praxe é a mesma que segue o goberno de España, subvencionar a precariedade para que semelle ser menos precaria pero sen facer cambios que poidan molestar ao sistema. Bono eléctrico, bono gasoil, suba do salario mínimo… son parches para minimizar o impacto do capitalismo salvaxe mentres o manteñen ben vivo; xamais afrontarán unha revolución sistémica porque cren no capitalismo e forman parte da súa lexitimación.
“O noso cambio de ciclo debe comezar por algo tan sinxelo coma romper coa alienación ideolóxica, non só co capitalismo, senón tamén co sistema das democracias occidentais que xa leva moitos anos demostrando que son o maior engano desmobilizador da clase traballadora”
A clase traballadora debemos afrontar un cambio de ciclo, un cambio que non vai vir nin do goberno “progre” nin da aterraxe de nomes elixidos en Madrid sen que lles interese o máis mínimo nin Galiza nin a súa clase traballadora. O noso cambio de ciclo debe comezar por algo tan sinxelo coma romper coa alienación ideolóxica, non só co capitalismo, senón tamén co sistema das democracias occidentais que xa leva moitos anos demostrando que son o maior engano desmobilizador da clase traballadora, que nunca respectarán as decisións e cuestionamento das clases populares, que só aceptan as súas regras de xogo; un capitalismo parlamentario onde os votos da clase traballadora só serven para lexitimar, disfrazando de democráticas, as medidas que nos precarizan.
“Vinte e cinco anos máis tarde a CUT medrou moito en todos os aspectos e somos un proxecto consolidado contra as previsións de algúns que deberían ocupar ese espazo pero renegaron del.”
Este cambio de ciclo, para a CUT coincide co noso XXV aniversario, que debe tamén obrigarnos a reflexionar. Nacemos para ocupar un baleiro na loita sindical combativa, un espazo que outros abandonaron por incómodo pero que era e segue a ser o eixo principal na loita de clases. Vinte e cinco anos máis tarde a CUT medrou moito en todos os aspectos e somos un proxecto consolidado contra as previsións de algúns que deberían ocupar ese espazo pero renegaron del. Estar nós aí, cando menos, é manter viva a memoria de que existe esa necesidade, por moi cómodo que fora negalo. A pesares disto debemos ser autocríticos porque ao tempo que medramos semella que resulta máis complicado estar nas rúas, e non vale escudarse na sociedade. A historia apréndenos que nunca foron as cousas doadas para a clase traballadora, sempre foi precisa a valentía e a vontade de mudar o contexto.
A toma de conciencia debe ser o noso gran cambio de ciclo, a toma das rúas, o combate diario como militancia e non como anécdota nun determinado centro de traballo que sirva para xustificar a inanición posterior. A CUT só pode durar vinte e cinco primaveras máis se ten utilidade para a clase traballadora galega; como fetiche ou como instrumento para biografías persoais significaría rachar o fío coa nosa memoria e non respectar os sacrificios que deron pé a estas siglas.