Daniel e Amador non poden converterse, como así está acontecendo, nun símbolo ou fetiche de celebración co cal xustificar que estamos coa clase traballadora. Non se trata de dicir quen pode ou non pode renderlles homenaxe, iso non nos corresponde a nós; trátase de que cada quen faga o simple exercicio ético de cuestionarse onde estaría no ano 72 durante ese día ou incluso cuestionarse se hoxe estamos a traballar a prol da liberación da clase traballadora ou tan só aparentamos facelo.
“Cómpre facer un exercicio de memoria colectiva e revisar a historia dos últimos cincuenta e dous anos. Estarían Daniel e Amador, e todas as mulleres e homes que saíron as rúas, satisfeitas co que temos?”
Cómpre facer un exercicio de memoria colectiva e revisar a historia dos últimos cincuenta e dous anos. Estarían Daniel e Amador, e todas as mulleres e homes que saíron as rúas, satisfeitas co que temos? Hoxe fálannos de que se venceu ao fascismo e vivimos en democracia, hoxe din que temos un goberno de esquerdas e hoxe a xente non ten acceso á vivenda, os salarios non alcanzan para chegar a fin de mes, hai traballadores e traballadoras pobres, temporalidade disfrazada semanticamente cos fixos-discontinuos, unha Lei Mordaza nacida para nos silenciar e reprimir, e unha política de esquerdas dedicada a crear frontes illadas onde lexislar na comodidade sen afrontar en ningún caso o reto transcendental, que non é outro que cuestionar o sistema capitalista. Vivimos nun reformismo indecente que só busca a nosa distracción mentres a inxustiza social medra sen fin.
“Tomemos exemplo de aquilo que determinou un cambio cualitativo para todos e todas nós, loitemos contra o individualismo que o capital pretende impór e tomemos as rúas. A clase traballadora temos na mans ser libres ou escravas.”
Este 10 de marzo volveremos ás rúas a lembrar os feitos do ano 72, uns feitos que non van de dous nomes illados, senón que nos lembran que a forza do colectivo, a solidariedade, son o motor da historia. Tomemos exemplo de aquilo que determinou un cambio cualitativo para todos e todas nós, loitemos contra o individualismo que o capital pretende impór e tomemos as rúas. A clase traballadora temos na mans ser libres ou escravas.
Viva o 10 de marzo!!!