OPE 2024: unha farsa

134

Chegan as oposicións. Volven os nervios, a ansiedade, o non saber que vai ser da túa vida. Ano tras ano sen posibilidade de estabilizar. Sendo unha profesora de segunda e coméndote todos os “marróns” que non queren os demais. O sentimento de culpabilidade por non ter o tempo dispoñible para estudar polo traballo, o coidado das fillas ou por ter maiores a cargo. Tamén a culpabilidade de ter entregado o teu tempo a preparar as oposicións e non aprobar debido a un sistema de exames anticuado, opaco e subxectivo. Tempo no que perdeches de vivir a túa vida cos teus, coa familia, coas amizades… 

A estabilización foi unha farsa, este ano son convocadas 1500 prazas de novo ingreso nas oposicións, mentres que na estabilización apenas foron 1100. Denunciamos que este sistema de oposicións é totalmente inxusto especialmente coas persoas abusadas polo encadeamento de contratos temporais: o persoal interino e substituto.

O sistema de acceso é totalmente inapropiado para o seu cometido e non valora os anos de traballo de miles de profesionais do ensino. As probas son subxectivas, especialmente a parte práctica e a segunda proba.

Existen cotas de aprobados por tribunal, non todo o mundo que o mereza pode pasar á segunda proba, sería imposible de examinar ás candidatas. Que fácil é quedarse fóra simplemente porque a administración non pon os  medios suficientes para realizar todo o proceso.

Non hai un sistema de reclamación como tal, tódolos anos póñense centos de reclamacións cuxas respostas son unha broma. Que garantías ten a persoa opositora? Ningunha. A segunda proba baséase na subxectividade e simpatía do tribunal. Unha proba que é imposible de reclamar, é a túa palabra contra a do tribunal.

Denunciamos este proceso que deshumaniza ás compañeiras candidatas e menbros de tribunais. Unha estafa na que nos vemos na obriga de participar. 

Una ano máis de inxustiza para o persoal temporal non estabilizado. O falso proceso de estabilización deixou a moita xente fóra e agora unha nova OPE voltará a precarizar un pouco máis a súa situación. Se a Consellería de Educación tivera vontade política de solucionalo tería feito unha estabilización de verdade. Non o fixo, agora o problema segue.

Desde a CUT vamos presentar a batalla xudicial en contra do falso proceso de estabilización, desta vez no Tribunal Supremo. Queremos conseguir prazas para todas aquelas persoas que quedaron no camiño e teñen dereito a estabilizarse, a deixar de ser unhas traballadoras de segunda.