PSA Peugeot Citroën presentou onte ao comité de empresa da súa factoría en Madrid un expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción para 350 traballadores. Este axuste proponse para 1.949 operarios (quedan excluídos cadros directivos e mandos intermedios) coa intención de conseguir o obxectivo de redución de plantilla a través de baixas voluntarias.
De non alcanzalo por esta vía, a compañía tomará outras medidas para rebaixar o persoal (de 2.286 empregados) nun 15,31 %, xa que considera que co número actual «a fábrica non ten futuro», segundo explicou onte o comité de empresa ao termo da reunión.
O anuncio dos despedimentos prodúcese pouco despois de que a multinacional francesa decidise agrupar as tres fábricas que ten na península Ibérica (Vigo, Madrid e Mangualde, en Portugal) baixo o mando do actual director da factoría galega Yann Martin, co obxectivo de abaratar custos e aproveitar sinerxías.
Esta nova estratexia de aforrar custe o que custe, imposta polo presidente do grupo, Carlos Tavares, podería ter precipitado o axuste imposto agora en Madrid, unha planta que a multinacional nunca considerou entre as máis competitivas.
Medo a Vigo
Os sindicatos madrileños teñen a mosca detrás da orella e sospeitan que a reagrupación de sinerxías sexa só o primeiro paso para que o peixe grande, é dicir, a factoría de Vigo, acabe absorbendo á fábrica de Madrid, cunha única liña na que se monta o Citroën Cactus.
De momento son meras conxecturas. Pero o dato certo é que a dirección de PSA necesita diminuír en 200 euros o custo de fabricación de cada vehículo que se ensambla en Madrid, e que actualmente rolda os 1.500 euros (o que non inclúe pezas do vehículo).
Este recorte de gastos explicaría, segundo o grupo PSA, o ERE proposto para os 350 traballadores. Os sindicatos cren que o groso do axuste recaerá sobre os maiores de 58 anos, pero negan que exista un excedente de plantilla.
«Nesta planta fanse 360 coches diarios cunha plantilla de case 2.000 empregados. Nos anos oitenta, cun volume de produción moi similar, traballaban 15.000 persoas. Isto o único que vén referendar é o empeoramento das condicións laborais dentro da fábrica» denunciaron onte fontes sindicais.