A área de relacións laborais da Consellería de Promoción do Emprego e igualdade, autoridade laboral na Galiza, notificou á comisión negociadora do convenio colectivo en Stellantis Vigo, que non rexistra o convenio colectivo enviado, dado que partes do texto do mesmo contraveñen a legalidade vixente.
Esta solicitude de modificación do texto, responde a un expediente contrario que remitiu a sección sindical da CUT Citroën, denunciando algúns destes extremos. Entre outras modificacións que solicita, as máis salientables, son as que afectan ao artigo 13 (Xornada Laboral) e ao código de conducta laboral.
No que respecta ao artigo 13, o texto do convenio fai referencia a que se pode ampliar a xornada, con horas complementarias, avisando no propio día. A autoridade laboral di, que un aviso no propio día, non se pode considerar como aviso previo propiamente dito e que polo tanto, non permite unha conciliación da vida laboral e familiar adecuada.
Dende a CUT, levamos xa moito tempo denunciando que os avisos previos na Citroen incumpren a legalidade, agora parece que a autoridade laboral tamén pensa o mesmo. Precisamente no Consello de Ministros/as celebrado no día de onte, o Ministerio de Traballo e Economía Social, aprobou un anteproxecto de lei, para adaptar a lexislación a Directiva (UE) 2019/1152, relativa a unhas condicións de traballo transparentes e previsibles.
Neste anteproxecto de lei se establece un aviso previo mínimo de 3 días para a realización das horas complementarias (xa está regulado así no ET na actualidade). Tamén establece que este aviso previo non pode ser rebaixado por convenio colectivo.
O que nos estraña sobre maneira é que os sindicatos de ámbito estatal -con presenza nas diferentes mesas negociadoras do cacarexado “pacto social”-, que en Madrid piden que se adecúe a lexislación as diferentes Directivas Europeas, en Stellantis Vigo consintan que se pisen os dereitos das persoas traballadoras, asinando un convenio por debaixo da legalidade.
O segundo punto salientable que ten que modificarse, é o Código de Conducta Laboral, unha poderosa ferramenta represiva que a maioría social regala a empresa. Neste caso e como xa temos denunciado en varias ocasións tamén, non se establecen os prazos de prescrición das sancións, o que como sabemos en carne propia, permite a empresa utilizar feitos acontecidos incluso anos atrás, para aumentar a gravidade das sancións impostas. Neste caso a petición da autoridade, é que se establezan ditos prazos no texto do código de conducta e que se estableza a gradación das faltas e sancións que lle corresponden.
Outro dos puntos que pide modificar é o relativo a xubilación, o texto que se definiu durante a negociación do convenio, foi para “salvar os móbeis”, este artigo se pretendía retirar do convenio, xa que a empresa non pensa en xubilación mediante contrato relevo, a súa idea a hora de dar saídas, é facelo a través dun ERE, como o demostra co recentemente asinado.