Condena a Stellantis Vigo por vulnerar o dereito á non discriminación dunha traballadora

172

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de ditar unha sentenza na que condena a Stellantis Vigo por non conceder unha ampliación a 5 horas na súa redución de xornada por garda legal a unha afiliada da CUT. Segundo confirma esta sentenza, o plan de igualdade non contempla a posibilidade dunha redución de xornada que non sexa de 4 ou 6 horas e polo tanto derroga de facto o artigo 36.6 do ET, limitando e excluíndo o resto de supostos de redución de xornada.

Esta é a segunda sentenza en cuestión de meses que condena o plan de igualdade en Stellantis Vigo por vulneración de dereitos fundamentais. Dende a CUT xa denunciamos en varias ocasións que este plan de igualdade é discriminatorio, arbitrario e que só contempla as necesidades da empresa para darlle a mínima cobertura legal, que xa se está a demostrar insuficiente.

Este plan de igualdade apoiado por unha maioría da representación social demostra que nas negociacións esa representación social non pensa nas necesidades das persoas, só o fai nas necesidades da empresa.Neste caso concreto, a traballadora e a súa representación legal, levan dous anos litigando para poder facer uso do seu dereito. Polo tanto exiximos a Stellantis que se deixe de recursos estériles que o único que conseguen é entorpecer o uso dos dereitos á conciliación laboral e familiar das persoas traballadoras. Un recurso a esta sentenza sería abondar nun novo ataque a estes dereitos.
Ademais da indemnización de 6251€ por vulneración de dereitos fundamentais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza tamén condena á empresa a aboar as cantidades deixadas de percibir por non poder ampliar a súa xornada a 5 horas e dende o momento da solicitude, o que supón 267.56€ por cada mes, dende febreiro do 2021 ata a actualidade. A isto hai que engadirlle que tamén condena á empresa ao pago das costas xudiciais, algo que non é habitual na xurisdicción social.