É este un contexto posible para a actividade educativa?
Pensamos radicalmente que non. Nin o invento das aulas burbulla para a primaria, nin a semipresencialidade que se estendeu maioritariamente na formación profesional, nin as mamparas de metacrilato da secundaria fan posible un marco propicio para os procesos de ensino-aprendizaxe. O campo da investigación pedagóxica, e pensamos, por caso, na Judit Rich Harris que a finais do século pasado publica O mito da educación, leva xa abondo tempo apuntando aquelas dinámicas que posúen un potencial educativo que vai alén do conceptual ou máis mecánico, menos significativo a medio e longo prazo: a aprendizaxe entre iguais e o traballo en equipo, con todas as posibilidades que posúen na tarefa de crear unha cesura nas habituais dinámicas de competición, e de abrir unha porta para a mellora nas interaccións sociais e á hora de amosar a potencia do labor colaborativo. Nada disto é viable a día de hoxe nas aulas. Se algo se foi evidenciando cada día máis, con cada publicación e modificación dos protocolos que rexen hoxe o ensino en Galiza, é unha concepción xerárquica e desactualizada da educación. Unha aula é, para os señores que redactan as leis educativas do contexto Covid, un espazo ao que un/unha docente acode para transmitir uns coñecementos que flúen só de maneira unidireccional. Do alumnado agárdase que permaneza sentado de a un/unha, detrás do seu anaco de metacrilato ou do seu computador, en aulas con ratios moi semellantes ás anteriores á crise sanitaria, coa máscara posta e en silencio. Mesmo nas aulas burbulla, mesmo para alumnado que está vivindo o comezo da súa escolarización, mesmo nenas/os de tres anos, teñen acoutada mobilidade e sociabilidade ás/aos compañeiras/os de mesa. Mentres, os agrupamentos para o alumnado con máis dificultades de aprendizaxe están en moitos casos suprimidos por carencias que van do espazo ao número de profesoras/es. A atención á diversidade, unha das poucas medidas con verdadeiro potencial de equidade, suspendida a eito.
Por que continúan as escolas abertas?
Por iso que de maneira impropia se denomina conciliación. Para que a maquinaria que alimenta o capital poida seguir en marcha. Acórdanos Angela Davis, sempre apuntando ao albo, cando afirma que o capitalismo global é responsable da imposibilidade para abordar esta pandemia. E que tamén o é do gran número de persoas nos cárceres, do alto custo da atención médica, da vivenda e da educación. Queremos que as escolas continúen abertas, pero coas maiores garantías sanitarias e educativas. Sabemos que, para o relativo á saúde comunitaria, isto está sendo vulnerado de maneira evidente no ensino, de igual xeito que ocorre co conxunto da poboación. Lémolo todos os días nas novas, se acudimos á prensa que foxe de ser correa de transmisión do poder: en Galiza só resulta efectivo o sistema de rastrexo de contactos nun 36% dos casos. No restante 64% non coñecemos como se contraeu a enfermidade, o que supón a media máis elevada de todo o estado. Todo o demais que atopamos na información diaria alude a caos, opacidade, descoordinación e intentos constantes de desprazar responsabilidades políticas ao terreo do individual. Vimos isto último co estudantado universitario, ao que se apuntou como responsable significativo da transmisión do virus, algo non rectificado unha vez que nos cribados se demostrou como indefendible. Vémolo acotío nas sospeitas que se tecen arredor da sociabilidade na adolescencia. Ricardo Fandiño como especialista na adolescencia, ou Heike Freire no caso da infancia, axúdannos a cavilar, desde o campo da psicoloxía, na discordancia entre a imposición da distancia social e a maduración psicoemocional da xeración de rapazas e rapaces aos que esta situación colleu nun momento en que, xustamente, a socialización é parte imprescindible dos seus procesos de aprendizaxe. Se é que isto non ocorre en todas as idades. Se é que a aprendizaxe non é inherentemente relacional. E non estamos avogando pola anulación das responsabilidades individuais. Falamos da necesidade de adoptar normas que teñan en conta tamén a saúde emocional, e que non poñan unicamente o foco nas sancións. Ás persoas adultas non se nos pide que manteñamos á vez máscara e distancia física. Só unha sociedade allea ás necesidades da infancia e da adolescencia pode esixirlle algo así á rapazada, e seguir para adiante cos seus mecanismos ao servizo das paixóns tristes.
Cal pensamos que debera ser a ollada da Cut-Ensino?
A Cut-Ensino, como sección dun sindicato de clase, defende o ensino presencial. Fundamentalmente por algúns mecanismos de equidade social que aínda están activos na escola pública, que foron resistindo, co garante da loita, os intentos de erosión que os nosos gobernantes non deixaron de proxectar, especialmente a partir da chamada crise económica que comeza no ano 2008. Ollemos como exemplo a recente sentenza que obriga a administración, así sexa por erros no procedemento, a reabrir unha unidade de primaria, unha escola unitaria en Verducido, Pontevedra.
E pedimos que continúen abertas as escolas sobre todo porque é moita hora de repensarmos o modelo de ensino que ha de contribuír para a apertura dunhas mudanzas sociais que poidan facer camiño cara a outros lugares, cara a outras maneiras de entender unha vida en común mellor. Recentemente acudimos á lectura do último libro do investigador César Rendueles, cun título que turraba da nosa atención: Contra la igualdade de oportunidade. Un panfleto igualitarista. Buscabamos, en parte, algunha resposta para un malestar agravado polo illamento que derivou da crise sanitaria. Alí lemos datos non inesperados, si iluminadores: no Estado Español o 56% dos fillos de profesionais de clase media-alta con notas malas ou regulares no ensino obrigatorio dan o paso á educación postobrigatoria. No caso dos fillos de traballadores manuais sen cualificación, a porcentaxe descende ao 20%. A partir de estatísticas semellantes a esta, contribúe a pór en claro que é momento de deixar de concibir a educación como motor privilexiado de equidade, e de formular a cuestión no sentido contrario: sen igualdade social, sen que consigamos estender horizontes e hábitos de pensamento igualitaristas, calquera proxecto democrático e de mellora pedagóxica será inviable.
Sabemos, desde os estudos xa clásicos de Pierre Bourdieu sobre a escola francesa, que todos os sistemas educativos modernos prometen, e en certa maneira producen, igualdade e, ao mesmo tempo, son mecanismos centrais na reprodución das desigualdades herdadas. Entendemos entón como urxente unha concepción igualitarista que poida ser o xerme dunha mudanza significativa no sistema educativo e nos eixos hexemónicos que o gobernan. E pensamos sobre todo na presenza transversal, estrutural, naturalizada, dun mal invisible que se chama meritocracia. Se, como non é difícil demostrar cos datos existentes, grande parte das diferenzas no rendemento escolar teñen que ver coa clase social, a omnipresente igualdade de oportunidades, asumida tamén acriticamente no discurso das esquerdas, vólvese unha idea desatinada e ineficaz. É de feito apreixada polas redes de pensamento neoliberal, que nola devolven unha vez máis co salvoconduto da cultura do esforzo e da iniciativa individual. A meritocracia, tamén como unha caste de burocratización das relacións de poder, atravesa todo o sistema de ensino que temos hoxe en día. Desde a estratificadísima lexislación que fixa, entre outras moitas cousas miúdas, as escollas de horarios e niveis para o profesorado en función, fundamentalmente, de criterios de antigüidade -e que por veces se converten en potenciais instrumentos para o maltrato laboral-, até os sistemas de avaliación numéricos, ríxidos e fondamente segregadores que maioritariamente poñemos en práctica o profesorado. Sabemos que non estamos a pisar nun terreo sinxelo para andalo. Tamén que o becho do individualismo vive agochado en nós. Pero temos ao tempo o convencemento de que ficarmos nesa roda que nos atafega todos os días co discurso do mérito e do esforzo individual ha impedir que construamos nada que poida cualificarse de vida común mellor para as máis de nós, tamén na institución que chamamos ensino.