Ao Director do IES da ILLA de AROUSA, Afonso Malvido, vén de abrírselle un Expediente Disciplinario por desobedecer as ordes da autoridade educativa. O motivo oficial de terlle incoado expediente está na postura de comezar o curso un día máis tarde, decisión apoiada polo conxunto do profesorado e co respaldo do resto da comunidade escolar.
O adiamento do principio de curso, que non a presentación do alumnado, baseábase na reclamación á Xunta da achega do profesorado necesario para o desenvolvemento da docencia. En concreto a adxudicación dun profesor/a a maiores que a propia inspección parecía apoiar.Sabemos que a loita mantida por toda a Comunidade escolar deste Instituto da Illa, en defensa dun Ensino de calidade, polo tanto sen recortes, e, no concreto, protestando polas carencias de profesorado, son a causa real deste expediente sancionador.Outros centros aprazan o principio de curso co beneplácito da propia Administración, cando a esta lle interesa pola súa falta de previsión ou de responsabilidade. Estase a castigar, xa que logo, a contestación á política educativa do PP de Feijoo e Rajoy. Téntase establecer o medo para que non protestemos e achantemos coa desfeita e venda do Ensino Público.A CUT amosa a súa solidariedade co Director expedientado, co Claustro e coa Comunidade escolar do IES da ILLA de AROUSA, así como coas accións desenvolvidas para evitar esta cacicada.