Non ao peche do IES Lamas de Abade

733

Reproducimos escrito en contra do peche do IES Lamas de Abade, que a CUT suscribe na súa totalidade:

ANTE A PROPOSTA DA CONSELLERIA DE EDUCACIÓN DA XUNTA DE GALICIA DE CONVERTIR O IES DE LAMAS DE ABADE EN SANTIAGO DE COMPOSTELA, NUN CENTRO INTEGRADO DE FORMACIÓN PROFESIONAL

As asociacións asinantes deste escrito queren trasladar as autoridades educativas e as administración con competencias en materia de ensino o seguinte:

1. Consideramos que a proposta de fortalecer a oferta, medios e dotacións do ensino público, para que a Formación Profesional sexa unha verdadeira plataforma para acceder ao mercado laboral da nosa mocidade ven a responder a unha demanda social e económica. Para que se poida desenvolver unha oferta formativa de calidade é necesario contar con espazos e profesionais, e iso non se fai dun día para outro, necesitase de planificación e vontade para acadar o éxito. Sen embargo dende a Consellería de Educación da Xunta de Galicia, entendese esta “modernización da FP” como unha ocasión máis para desmontar o ensino público, concretamente de secundaria, e volve a ser outra agresión aos servizos da poboación do rural.

2. Non parece axeitado suprimir un centro de ensino secundario, na zona da cidade con maior crecemento poboacional nos últimos anos, e onde se incrementará de forma significativa o número de veciños e de nenos en idade escolar nos próximos anos.

3. A proposta da Consellería pasa por trasladar (incluso para o próximo curso), ao alumnado (e ao profesorado) que neste momento cursan os seus estudos da ESO e Bacharelato en Lamas, para o IES de SAR. Un centro de formación urbano, pegado a nova estación intermodal da cidade, con carencias de espazo, e con dificultades de tráfico e acceso, e onde se pretende masificar ao alumnado, eliminando espazos de uso común e dotacións complementarias do centro ( aulas de desdobre, laboratorios, etc, ).

4. Dende a ANPA do IES de Lamas, trasladouse aos responsables políticos a pertinencia de avaliar os problemas actuais e futuros que esta decisión provocará, que entre outros son:

a) Eliminación dun centro educativo para o ensino secundario. Non se fan centros de ensino público de secundaria dende fai décadas, mentres medran outras ofertas como a concertada.

b) Saturación de espazos no IES de SAR, xa non só no escenario COVID ( onde será imposible acomodar aos rapaces). A proposta é ir a aulas ao máximo de ratio permitida, é dicir, 30 alumnos por aula. Esto implica unha perda de calidade educativa.

c) Imposibilidade de que unha parte significativa do alumnado poida acceder camiñando a un centro próximo ao seu fogar, ou empregando o trasporte público.

d) Incapacidade actual e a para os próximos cursos de contar con prazas suficientes de ESO e Bacharelato na zona para os rapaces que viven nas áreas de afectación do IES de Lamas e do CEIP de Lamas, para que poidan estudar en condicións; sendo a solución desprazarse a outros centros educativos mais lonxe das súas casas ( centros saturados de alumnado, sen espazos e con imposibilidade de ampliación), ou incluso a centros de ensino concertados.

Comunicamos a nosa total oposición a esta desfeita, e propoñemos:

PRIMEIRO.- Que se paralice o traslado do alumnado e profesorado mentres non se teña un centro educativo da dimensión necesaria , e cos medios propios do século XXI na contorna onde acoller aos actuais e futuros alumnos da ESO e Bacharelato do IES Lamas de Abade.

SEGUNDO.- A necesaria construción urxente dun novo centro educativo de secundaria, para o curso 2022-23. Existen espazos públicos municipais e orzamentos suficientes na administración para acometer esta inversión (Fondos do Ministerio de Educación, da Unión Europea e da Xunta de Galicia).

TERCEIRO.- No ano 2021 a Xunta contará co maior orzamento da súa historia. Non pode ser un motivo a falta de orzamento para non executar unha obra necesaria que melloraría a calidade do Ensino, e que cubriría as carencias actuais de prazas no ensino público.

CUARTO.- Que a potenciación da Formación profesional pase por un proxecto real e a medio/longo prazo, e non en mera propaganda ampliando minimamente a oferta e minimizando as inversións no IES de LAMAS DE ABADE. Si como sociedade, necesitamos de futuros profesionais especializados, deben ser formados en condicións.

QUINTO- Que se constitúa e se dote das infraestruturas necesarias o entorno de Lamas de Abade, como un verdadeiro campus educativo preuniversitario, onde convivan e se aproveitan de forma óptima as instalacións, e espazos entre a comunidade educativa. ( instalacións deportivas, de lecer, espazos de aprendizaxe ao aire libre, etc..).

Queremos que a nosa mocidade teña os servizos onde lles toca vivir, igualdade de oportunidades, e un ensino pensado para as persoas, de calidade e con futuro.

ANPA CEIP LAMAS DE ABADE, ANPA LAMAS DO CASTIÑEIRIÑO DO IES LAMAS DE ABADE, AVV. ANGROIS, AVV. CASTIÑEIRIÑO, AVV. O EIXO, AVV. COTO DA NAI de ARINS, AVV. MARROZOS, AVV. SAR, AVV. VISO, ESPAZO VECIÑAL DE SAR, AGRUPACIÓN FOLCLORICA DE SAR e FERUSA (Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago)