Desprezo e improvisación

122

A Consellería de Educación xa non vai cubrir vacantes, o desprezo habitual pola calidade do ensino. No mes de decembro, todos os anos, o mesmo conto de Nadal. Parte deste conto foi anunciar nos seus medios afíns un orzamento récord en ensino para o ano que vén de 2793 millóns de euros. O ano pasado tamén anunciaron unha inversión que dicían sería a máis alta da historia.

Se suprimen prazas de profesorado, se pechan centros educativos, se os recursos minguan ano tras ano… Onde están os cartos? Que xestión é esta? Canto máis invisten peor está o ensino. Semella que o Grinch está roubando os cartos neste conto de Nadal que Román e Rueda anuncian. Ese ser malvado e escuro que nestas datas acaba coas ilusións dos máis pequechos  non é fantástico, existe na realidade, habita en San Caetano. Moito máis perigoso que o bichoco ese verde das películas. Persoas grises con almas negras ao servizo dos poderosos, dispostos a acabar coas esperanzas das futuras xeracións.

O final do curso pasado, vaia cachondeo, non? Agora tan só é un recordo, malo, evidentemente. Como fomos o profesorado capaces de aguantar tremendo caos?  Quince días nos que os centros educativos tiñan que ofrecer un servizo que non podiamos prestar por falta de profesionais. Outra vez a mentira da individualización do ensino. As profesoras seríamos quen de atender ao alumnado que precisaba reforzo e o que xa tiña superada a materia. E anunciárono a mediados de curso…

Pois nada! Este ano xa non repetimos, non haberá ese período estraño. Nais, alumnas, profesoras, todas elevaron queixas ante tal despropósito. A Xunta di escoitar á Comunidade Educativa, cambio de rumbo! Iso si, outra vez no medio do curso. Que nivel de chapuza e improvisación… Como poden ser tan inútiles? Ala! A cambiar as programacións e os plans que o profesorado tiñamos deseñado para o noso alumnado.

Desprezo e improvisación, iso é o que temos. O noso malestar mudado en rabia, unha mobilización que provoque o medo nos nosos gobernantes, iso é o que temos que dar por resposta. Non hai escusas, máis que nunca é necesario que o ensino se poña todo en pé camiñando cara unha folga, non un día, se non os días que fagan falta.

Máis profesionais, máis recursos, máis democracia nos centros, unha suba salarial que compense a perda de poder adquisitivo, a redución das horas lectivas, a estabilización do persoal temporal, suma e segue.

Hai que levantarse cos puños en alto contra esta caterva de parasitos! Agora é o momento! Folga Xa!