A sentenza do Prestige, unha aldraxe ao pobo galego

136

Hoxe, despois de dez anos da traxedia, fíxose pública a sentenza do“Prestige”. A sentenza, grotesca onde as haxa, di que non hai culpables, e engade, para agrandar o escarnio, que se houbera alguén a quen castigar, ese sería o capitán Mangouras, talvez a única persoa corda no escenario daquel drama, por desobediencia grave ao non querer afastar o barco das costas galegas. Non se podían discutir as ordes dos ineptos, dos corruptos, dos irresponsables de caza en Romanía.Para a a CUT esta sentenza vén demostrar unha vez máis que non hai estado de dereito. Para o noso sindicato é obvio que a traxedia do “Prestige” foi un crime de estado contra o noso pobo, contra a nosa terra e contra do noso mar. Evidentemente unha sentenza axustada á verdadeira xustiza, e non á farsa do dereito burgués, tería que meter na cadea aos López Sors, Rajoy, Fernández de Mesa, Álvarez Cascos, etc. Unha sentenza xusta tería que ditaminar a orde de captura de armadores, fretadores, seguros e empresas clasificadoras. Claro que isto sería tanto como dicir que a sentenza condenaría ao capitalismo como sistema, e na CUT non somos tan inxenuos como para esperar algo así.Non hai garantía de xustiza neste contexto político podre. Non hai posibilidade de xustiza cunhas institucións minadas desde o seu nacemento pola corrupción, a intromisión continua do poder executivo no xudicial, os indultos aos amigos da banca, os xuíces estrela, os fiscais defensores, o seu propio dereito impugnado unha e mil veces. O dereito escrito pola casta dirixente española. Esta sentenza sobre a catástrofe do “Prestige”, quedará na historia como unha burla colosal a este país, aos seus homes e mulleres, á súa dignidade.Aquí como en calquera proceso criminal hai responsables, culpables e agora tamén cómplices necesarios. Os galegos e galegas estamos na obriga ética e moral de facer patente a nosa repulsa diante de semellante aldraxe. Estamos no dereito de berrar: ESTAMOS FARTOS DE SER UNHA COLONIA!!Compostela, 13 de novembro de 2013.Executiva Nacional da CUT.