Altri, a enésima expresión da política colonial en Galicia

391

Apenas uns días despois das eleccións ao parlamento galego, non porque fose cambiar moito a cousa, faise pública a noticia do proxecto para a instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei. Atila volve a cabalgar en Galicia, volve á actualidade a política colonial que nunca deixou de existir.

Os aparentes promotores do proxecto é ALTRI, unha sociedade supostamente portuguesa coa razón social nun enderezo da cidade de Pontevedra. As cifras que manexan e que supón o proxecto producen medo para calquera persoa de razón.

A planta ocuparía unha extensión de 360 hectáreas, cun consumo de auga para o seu funcionamento de 46.000 m3 diarios, tendo a capacidade de “depuración” a de 30.000 m3 –cabe preguntarse que pasaría co diferencial dos 16.000 m3-, e o proxecto ten como obxectivo a produción inicial de 250.000 toneladas de pasta para chegar ás 400.000.

“De levarse ao cabo semellante proxecto a planta de Lourizán sería un lixo comparada coa megaplanta da bisbarra da Ulloa.”

O proxecto de ALTRI ademais é vestido dun halo “ecoloxista” ao facer constar na memoria que foi publicada recentemente no DOG que o seu obxectivo é o da produción de fibra verde, toda unha linguaxe para cativar ás incautas. Pasado mañá renovarán a narrativa propagandista e dirannos calquera outra nova delirante, pero sempre vestido de pseudo ecoloxismo sedutor de ignorantes e desesperados.

O presente proxecto enmárcase claramente na filosofía capitalista especulativa e de apropiación dos fondos públicos, -concretamente do Next Generation-, que para algo a Europa do capital os ten habilitado. De levarse ao cabo semellante proxect, a planta de Lourizán sería un lixo comparada coa megaplanta da bisbarra da Ulloa.

Deixando aparte a gravidade intrínseca dos datos concretos manexados até agora, sería bo analizar o contexto económico e sobre todo o político que sustenta o proxecto capitalista de Altri, como verdadeira intervención colonialista.

Aínda que a narrativa económica hexemónica o venda como consecuencia do progreso, da industrialización ou da modernidade, o abandono da economía agraria é a consecuencia dun decreto invisible promulgado fai anos por España e máis tarde pola UE. Existen diversos fitos que explican o abandono rural e que nacen dos escuros anos cincuenta: a política franquista dos encoros, o asalto aos montes veciñais ou máis recentemente a cota do leite.

“O abandono non só da economía agraria senón tamén poboacional é o perfil dominante, o cal ven a supoñer as condicións axeitadas para colar tal proxecto”

Os xestores capitalistas planifican a longo prazo, e algo que é inverosímil a primeira vista para os incrédulos acaba tendo xustificación a medio e a longo prazo. A política do chamado Patrimonio Forestal del Estado –logo ICONA- de roubo dos montes veciñais nos anos 40 do século pasado, foi o prefacio que posibilitou a instalación de ENCE no ano 61.

No caso que nos ocupa como na maioría da Galicia interior, o abandono non só da economía agraria senón tamén poboacional é o perfil dominante, o cal ven a supoñer as condicións axeitadas para colar tal proxecto: pobos abandonados, campos a ermo, poboación avellentada e a actividade económica terminal.

Primeiro sementaron a fame e agora aos famentos ofrécenlle a salvación cunha tallada envelenada. O de menos é o medio natural, o patrimonio, a saúde da xente que nun radio de corenta quilómetros estará exposta á contaminación ambiental. O de menos é a saúde da auga do río Ulla que, ademais de patrimonio natural capital, dá de beber a innumerábeis poboacións desde a Ulloa até a Arousa.

“O proxecto de Altri só é posible paralo na rúa. Só será posible paralo desde a mobilización de todo pobo galego.”

O proxecto de Altri só é posible paralo na rúa. Só será posible paralo desde a mobilización de todo pobo galego. A celulosa de Palas de Rei non a vai parar o politiqueo nin o postureo politiqueiro. Só a unidade veciñal obreira e popular capaz de convulsionar ao País poderá facer fracasar semellante aldraxe colonial.

A CUT estará nesa tarefa de construír a unidade necesaria.