Paradas en Stellantis Vigo: que está acontecendo

222

O modelo organizativo e loxístico que utiliza o grupo Stellantis, e que xa utilizaba anteriormente PSA (Just in Time), é evidente que lle reporta grandes beneficios. Pero eses beneficios son a costa do sacrificio, saúde, e conciliación familiar e laboral das persoas traballadoras, e a cargo tamén na maioría dos casos do erario público.

Este modelo empresarial de eliminación de stocks e demanda de pezas sobre pedido agudizouse pero aínda o fixo máis derivado pola deslocalización de provedores cara outros países, nun intento de redución de custos de produción e materias primas, e coas actuais e supostas dificultades loxísticas trala era post-COVID.

Cabería analizar se esas dificultades de compoñentes, loxística, ou falla de transportistas son debidas precisamente a esa deslocalización e se as condicións organizativas e económicas que se implantaron no grupo e que se lle esixen tamén aos seus provedores son a consecuencia. De ser así, por que as persoas traballadoras e sobre todo as administracións públicas teñen que buscarlle solución a un problema que eles mesmos crearon?

É evidente que, o sistema (just in time) no que están inmersos a maioría dos produtores de automóbiles evidenciou e evidencia dificultades, pero non como entende a CUT que ten o grupo Stellantis. Porque dentro do sector da automoción podería ser dos máis prexudicados e actualmente segue mantendo dificultades que o resto de construtores non sofren con tanta virulencia.  É unha estratexia empresarial para facer presión a gobernos e administracións públicas para que desembolsen subvencións? Por que o centro de Vigo é dos máis prexudicados?

Está claro que, para a CUT, a flexibilidade laboral que se lle permite á fábrica de Vigo a nivel sindical, xudicial e político é evidente, ao deixar ao marxe ao noso entender en moitos casos o cumprimento da normativa laboral, indo en contra incluso do que se regula en materia de conciliación da vida familiar e laboral. Para que van a mellorar a loxística e fluxo de compoñentes, así como o sistema organizativo, se a marxe de beneficios se incrementa!

Pero se esquece que na derradeira década os ERTE`s forman parte da vida das traballadoras de Stellantis Vigo e son utilizados xunto coa bolsa de horas como mecanismo de flexibilidade laboral antes incluso da era COVID. O ERTE en vigor actual baseado na falla de semiconductores, parece ser que vai ser empregado para calquera circunstancia de falla de aprovisionamentos ou outras circunstancias, un ERTE con posibilidade de ampliación para o vindeiro 2024.

Un ERTE como aconteceu nestes días, cuns preavisos “á carta”, causando un prexuízo notable ás persoas traballadoras por este abuso sistemático da empresa, sen saber se traballamos ou non ao día seguinte e modificando os horarios da quenda de noite.
O beneficio empresarial de manter este sistema é evidente, unha vez presentados os resultados económicos do grupo que, multiplican eses beneficios ano tras ano a pesares das paradas produtivas. Menos coches fabricados, pero máis rendemento por vehículo vendido.

A dirección de Stellantis Vigo mantén a súa intención de implantar a quenda fin de semana no S2 pese a non poder garantir a carga de traballo no resto das quendas existentes. Ante a próxima apertura desta quenda, parece ser que STELLANTIS ten dificultades para atopar persoas traballadoras.

Moitas das persoas deciden abandonar a fábrica antes de rematar o seu contrato ante a situación de precariedade existente. Unha vez comezan a traballar decátanse do salario insuficiente, presións, problemas de saúde, inestabilidade horaria…
Atópanse agora con esta problemática, que incluso vai máis ala, pois moitas das persoas deciden abandonar a fábrica antes de rematar o seu contrato ante a situación de precariedade existente. Unha vez comezan a traballar decátanse do salario insuficiente, presións, problemas de saúde, inestabilidade horaria, xornadas maratonianas, dispoñibilidade absoluta …

Ante esta situación de degradación constante, STELLANTIS Vigo non pode sorprenderse de ter dificultades para atopar persoas traballadoras. Se as condicións de traballo tivesen unhas condicións económicas acordes ao custo da vida actual, unhas condicións de traballo que permitan manter unha saúde física e psicolóxica dentro da normalidade, unhas condicións sociais que permitan a estabilidade, a conciliación, os horarios estables e coñecidos con tempo de antelación… en definitiva unhas condicións dignas….
Estase a normalizar no sector da automoción a precarización das condicións económicas, laborais e sociais como práctica inherente ao sector para supostamente ser competitivos.

Cabería preguntarse con quen temos que ser competitivos? Cos países de baixo custo e condicións laborais de escravitude ao que nos queren levar? Ou para seguir pelexando entre plantas do mesmo grupo para ter carga de traballo? Unha pelexa que o “gurú” Tavares sempre acentúa intencionadamente para aumentar a marxe de beneficios aos accionistas e, sobre todo, sobre o seu salario. Pero sen embargo os/as traballadores/as de Vigo percibiron menos paga de beneficios no 2023, a pesares de que os resultados do grupo foron maiores.