O mes de novembro de 2019 celebráronse eleccións no Concello de Vigo. Dende que se tivo coñecemento da presentación de candidaturas da CUT comezaron as manobras antisindicais por parte doutros sindicatos que non querían a ninguén máis no Concello. Os nosos candidatos e candidatas foron interpelados constamente para que abandonaran a candidatura con ameazas que chegaron á perda do emprego.
A CUT, como sindicato de clase, denunciou esta situación entendendo que se estaba a vulnerar o noso dereito a presentar candidaturas, sendo o máis chocante que o resto de sindicatos defenderan que a nosa candidatura non fora validada. Esta actitude, moito máis propia das empresas, terán que explicala eles.
Non conseguiron tombar a lista de funcionarios pero si a de persoal laboral de especialistas. Acudimos entón a un laudo arbitral que se posicionou coa actitude menos favorábel á liberdade sindical; a súa decisión obstaculizou que se presentara a candidatura da CUT con argumentos peregrinos, defendendo no laudo o dereito consuetudinario, é dicir, que era costume nos laudos de Vigo invalidar candidaturas que non reúnan todos os candidatos na data de proclamación, lectura que non se pode sacar da redacción da lei coma ben aclara a sentenza.
O Xulgado do Social Nº 4 de Vigo deu logo a razón á demanda da CUT, aclarando que as listas deben estar completas no momento da súa presentación, pero que a renuncia posterior non invalida a candidatura presentada sempre que esta conserve ao menos o 60% dos postos a cubrir, estimando por tanto que a mesa debeu ter proclamado a candidatura da CUT, que cumpría con tódolos requisitos legais. Obrigaba tamén a sentenza a repetir o proceso electoral no Concello de Vigo na mesa de laborais dende o momento da proclamación das candidaturas.
Esta sentenza non gustou a determinados sindicatos con representación no Concello e, pondo por riba os intereses das súas siglas e non a liberdade sindical, recorreron a sentenza diante do TSXG. O pasado día 26 notificousenos a sentenza (asinada o 18 de marzo) do TSXG na que dá a razón á CUT desestimando os recursos dos Sindicatos impugnantes. Qúedalles o Supremo para poder recorrer (teñen dez días) se queren seguir poñendo paus na roda da liberdade sindical, ou ben poden asumir o seu erro e pensar na limpeza dos procesos sindicais esquecendo manobras que lembran ao caciquismo electoral. Por outra banda agardamos que o colexio arbitral recoñeza tamén o contido da sentenza e mude o seu criterio porque se falamos de aplicar o dereito deberán facerlle caso a quen xulga e fai executar o xulgado.