Por Patria, por Minerva, por María Teresa e por todas as miñas compañeiras. As mulleres deste sindicato comprometémonos a que non nos collan antes de ternos salvado todas.
Comunicado da Secretaría das Mulleres da CUT polo 25 de novembro
Esta semana as mulleres da CUT vímonos as feridas, esas que deixaron en nós as violencias machistas ao longo de tantos anos (resulta que as cicatrices das nosas avoas tamén nos doen). Conseguimos facer dunha xornada de formación un compromiso que crece e crece.
Este 25 de novembro comprometémonos a impedir que nos xulguen no noso traballo polo aspecto físico e a vestimenta que levamos. A que o noso dereito a conciliar sexa unha prioridade no sindicato. Imos denunciar nas rúas e nos xulgados, con unllas e dentes, cando nos discriminan por ser mulleres traballadoras que deciden non ficar caladas, por non ser heteronormativas, por estar embarazadas ou querer non esta-lo nunca.
Imos querernos, coidarnos, atoparnos, compartir as vivencias e as forzas. As mulleres deste sindicato comprometémonos a pelexar por nós mesmas e por todas as nosas compañeiras para que as irmás Mirabal poidan sentir orgullo desta nosa loita. As traballadoras, as de abaixo, as que queren transformalo mundo, estamos xuntas e en pé preparadas para derrubar o patriarcado e todos os sistemas de opresión que naceron após el.