O Comité Intercentros da Corporación de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) pide a intervención urxente da Xunta de Galicia e do Parlamento galego para que actúen para poñerlle fin a unhas prácticas incompatibles coa prestación do servizo público que o ente ten ditado por lei, nomeadamante unha manipulación informativa que consideran xa un gravísimo delirio partidista.
Para iso, o comité vén de solicitar xuntanzas co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e cos líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e Xosé Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), a quen trasmitirán a gravidade da situación que atravesan a radio e a televisión públicas, instándoos a que fagan o que estimen conveniente para renovar unha cúpula que perdeu o norte.
“Tanto a TVG como a Radio Galega abandonaron todo respecto polas mínimas normas deontolóxicas do xornalismo e reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado de arriba a abaixo, sen fisuras e cunha tendencia partidista evidente”
Segundo o comité de empresa, tanto a TVG como a Radio Galega abandonaron todo respecto polas mínimas normas deontolóxicas do xornalismo e reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado de arriba a abaixo, sen fisuras e cunha tendencia partidista evidente, de xeito que a CRTVG, traizoando as súas encomendas de servizo público, funciona só como o máis eficaz órgano de propaganda do partido que goberna.
A manipulación -denuncia o comité- agravouse especialmente na RG, onde o pasado 23 de outubro, xa ben iniciada a temporada de outono, se produciron sorpresivos cambios organizativos e de contidos que a empresa non quixo xustificar e que o persoal interpreta en chave de incrementar o control político e apartar dos micros ás profesionais que se negan a escribir ao ditado dos intereses da dirección. Coas mudanzas que se produciron, tanto nos boletíns horarios (camuflados agora entre programas de entretemento nos que custa distinguir a información da opinión) como nos espazos informativos, moitas redactoras e redactores perderon carga de traballo, concentrada nunhas poucas persoas da confianza da dirección.
“Para o comité é intolerable que o relato informativo dos medios públicos de Galicia estea tan pegado aos intereses do partido no goberno autonómico”
Apunta o Intercentros que a liña editorial da Crónica das Dúas -coordinada por Xosé Manuel Valiñas- ou da Crónica da fin de semana da RG -en mans de Luís Ojea-, aseméllase máis á dunha emisora de ultradereita que aos criterios de imparcialidade, veracidade e pluralidade que ten a obriga por lei de respectar a CRTVG pola súa consideración de servizo público esencial. Estas afirmacións da representación das traballadoras poden contrastarse accedendo aos audios deses espazos a través da web crtvg.gal.
Mesmo no tratamento do conflito na Faixa de Gaza, lamenta o comité de empresa, séguese a liña que marca o Partido Popular desde Madrid: por poñer un exemplo clamoroso, os menores e mulleres intercambiados por Israel son denominados “terroristas de Hamás” na Radio Galega. Para o comité é intolerable que o relato informativo dos medios públicos de Galicia estea tan pegado aos intereses do partido no goberno autonómico, e que mesmo se chegue ao punto de deformar a visión dun conflito bélico de primeiro nivel para dar a visión de quen está na oposición ao goberno central. É irresponsable cando menos, e ruín cando máis, denuncia o comité, facer dun feito de relevancia internacional unha arma burda contra o adversario político, actuando coma o brazo armado da comunicación social.
A manipulación, lembra o comité de empresa, continúa a practicarse sen pudor tamén nos telexornais da TVG, onde se repite o mesmo ideario que manexa e lle convén ao Partido Popular. Como mostra, o gravísimo feito de ocultar este mesmo luns no Telexornal Mediodía o resultado da repetición electoral do pasado domingo no concello de Castro Caldelas, onde gañou as eleccións a candidata á alcaldía do PSdeG, cando o día das votacións se fixera un seguemento informativo intenso, chegando a ser o propio domingo primeiro titular do Telexornal Serán. Coñecidos os resultados a favor dos socialistas, a nova deixou de existir nos seguintes telexornais, privando á cidadanía do seu dereito a recibir unha información básica por ser contraria aos populares. Abondando no mesmo, esa mesma fin de semana asistimos á deturpación informativa sobre un acto de precampaña do PPdeG do candidato Rueda a bordo do autobús Galicia non para! en Cangas, que se noticiou nos informativos da televisión pública como un acto institucional do Presidente da Xunta.
“Nas redes sociais dos informativos irrompen abruptamente vídeos con músicas e comentarios informais que non só repiten falacias partidistas, senón que por riba se permiten frivolizar con temas que xeran preocupación social como a violencia machista”
Lamentablemente, denuncia o Intercentros, os novos medios son outro campo de batalla ideolóxica. Nas redes sociais dos informativos irrompen abruptamente vídeos con músicas e comentarios informais que non só repiten falacias partidistas, senón que por riba se permiten frivolizar con temas que xeran preocupación social como a violencia machista, instando a opinar sobre feitos delitivos, ou chanceando sobre a falta de noticias con perspectiva galega un domingo. Sorprendente afirmación, opina o comté de empresa, feita nun medio cuxa razón de ser é este país, gran verdade cando a cabeza está en Madrid e non en Santiago de Compostela.
O plantel de traballadoras da CRTVG, asegura o Intercentros, é consciente da responsabilidade que exerce cada día nun medio que é de servizo público e quere sentirse útil e parte activa para acadar unha sociedade máis xusta, democrática e plural. Neste sentido, as representantes legais do cadro de persoal denuncian o ostracismo co que se castiga a cotío á meirande parte das profesionais, que non se pregan a escribir noticias ao ditado dos intereses do Partido Popular, unha modalidade de acoso que está a provocar graves danos psicosociais nun cadro de persoal que leva mobilizado 288 semanas a través do movemento Defende a Galega.
“As representantes legais do cadro de persoal denuncian o ostracismo co que se castiga a cotío á meirande parte das profesionais, que non se pregan a escribir noticias ao ditado dos intereses do Partido Popular”
O Comité Intercentros, consciente de que a maquinaria manipuladora se intensificará aínda máis de cara ás inminentes eleccións autonómicas, esixe o cesamento inmediato de todas as persoas responsables desta anomalía democrática, nomeadamente de María Concepción Pombo Romero e Alejandro López Carballeira, directora e subdirector da Área de Información da CRTVG, pero tamén de toda a estrutura directiva que ampara co silencio e a connivencia a utilización partidista e o secuestro dos medios públicos de comunicación de todos os galegos e galegas.