Esta mañá o Estado español exhibía dúas veces a “Marca España” cun atentado aos dereitos fundamentais e ás liberdades democráticas de alcance dramático. Mentres a Xunta de Galiza publicaba a toda cor propaganda institucional apoiando con vehemencia ao goberno Rajoy no seu intento de suprimir os dereitos democráticos en Catalunya a golpe de decreto, unha operación non menos vinculada coa campaña electoral cobrábase 9 persoas detidas no noso país.
Nos últimos anos a fascistización das institucións converteuse en pedra angular do novo modelo de Estado Represivo ao servizos duns poucos que agora, e logo da última sentenza do Tribunal de Orde Pública (Audiencia Nacional) converteu Galiza no laboratorio de probas do seu programa de erradicación de calquera vestixio de dereitos democráticos. Coa operación desta mañá veñen de ser eliminados, por estricta orde gobernamental, mesmo principios tan básicos na conformación dunha sociedade como é o da liberdade de opinión e manifestación pública.A CUT fai pública unha preocupación por esta escalada represiva que é obvia, mais sobre todo fai pública a súa solidariedade coas persoas detidas e tamén coas súas familias e amizades ás que lles envía folgos das obreiras e obreiros aquí organizados, e condena a actividade criminal dirixida dende o Estado para atermorizar ao pobo traballador que está a causar intolerables doses de sufrimento na sociedade civil. Esta situación non pode ter outra saída que a inmediata posta en liberdade das persoas detidas e a reparación dos danos causados.