Hai un tempo, realizamos unha enquisa entre o profesorado galego. Preguntamos ás compañeiras que opinaban sobre a busca da unidade da comunidade educativa para crear un movemento de loita pola dignidade e a calidade do ensino público. Das cerca de mil respostas que nos chegaron, o 90% delas foron afirmativas cara unha mobilización e posible folga.
A CUT-Ensino vén de contactar coas confederacións de ANPAS de Galiza do ensino público (CONFAPA e Anpas Galegas) e outras de ámbito provincial, local ou comarcal, na busca de dita unidade de acción para pór freo aos recortes e á falta de recursos no ensino público galego. A súa resposta maioritaria foi positiva: hai ganas de traballar en conxunto e ofrecer resistencia ás políticas privatizadoras e a incompetencia da Xunta de Galicia en relación ao pilar básico da educación.
O seguinte paso será establecer conversas cos demais sindicatos e organizacións sindicais da Galiza e estatais, e tamén coas organizacións de estudantes. Agardamos que ditas conversacións cheguen a bo porto como demanda o profesorado e obteñamos unha resposta positiva cara a suma de forzas de todas.
En tódolos claustros hai un sentimento de fastío: a falta de recursos, a burocratización, o empeoramento das condicións de traballo… A maioría do profesorado manifesta queixas pola situación actual, mais parece que estamos paralizados e non damos o paso necesario para a revertir isto. É unha responsabilidade que debemos asumir: loitar pola calidade do ensino e a dignidade nas condicións de traballo. Non podemos deixar que unha conquista social tan importante como o ensino esmoreza e podreza en mans dos gobernos privatizadores da demolición do público.
A educación é un cabalo de batalla da reacción neoliberal e conservadora, o modelo que se impón é o da subvención do ensino privado para enriquecer a catro empresarios amigos e crear un ensino elitista. Se queremos que a nosa sociedade camiñe cara un horizonte de oportunidades para todas temos que loitar unidas.
Levamos moitos anos de desleixo por parte da Xunta e veñen malos anos coa desculpa da caída demográfica. Isto tan só o podemos parar cunha resposta contundente e masiva.
É a hora de avanzar xuntas!