“Levantámonos porque non imos precarizar o emprego nin ser propiedade deles de luns a domingo”

311

Ana Belén Vázquez Martínez

Operaria de produción no centro industrial de Pescanova España en Chapela.

Leva 14 anos na empresa e é a única representante da CUT na negociación do Convenio Colectivo.

Pescanova vive un momento histórico. É a primeira vez que paran as máquinas dende a creación da empresa en 1960.

Case 11 meses de negociación do convenio, preto de 100 xuntanzas e chega un punto no que vos fartades e vos levantades da mesa. Cal foi o detonante? 

Fómonos mantendo na negociación porque a empresa foi cedendo. Inicialmente quería modificar todo no convenio pero foron cedendo. Pero chegado un momento, a empresa marcou dúas liñas vermellas referentes ás novas incorporacións e á distribución da xornada. Como non se movía de aí, nós levantámonos da mesa de negociación e decidimos unhas medidas de presión porque non imos precarizar o emprego para as novas contratacións nin ser propiedade deles de luns a domingo, as horas que queiran e como eles queiran.

En que consiste esa precarización do emprego? 

Eles agora queren distribuír a xornada de luns a domingo como eles queiran, segundo a produción. E nós non podemos recoller iso no convenio cando agora no convenio se recolle unha xornada de 40 horas semanais de luns a venres.

Para as novas contratacións a empresa hai unha rebaixa salarial considerable, arredor dun 40%. A proposta inicial era de 12.200€ brutos anuais e foron subindo ata preto de 13.000 € pero en 14 pagas. Actualmente o salario máis baixo está en 13.200 € en 16+1 pagas.

Din que hai que baixar a man de obra para ser competitivos. Para gañar máis, realmente, porque todo o beneficio é da empresa.

 

Falan de competitividade, de que temos baixar o prezo da man de obra porque Pescanova está moi por riba da competencia. Din que hai que baixar a man de obra para ser competitivos. Para gañar máis, realmente, porque todo o beneficio é da empresa.

A empresa ampárase en supostas perdas nos últimos anos para defender ese convenio á baixa. As perdas son reais ao voso entender?

O grupo pechou o ano pasado con beneficios altos. Hai unha débeda anterior que está aí pero eles seguen gañando cartos. Fixeron un plan chamado “Todos a unha” para ampliar o beneficio daquí a 2020 de 1.000 a 1.500 millóns de euros, 500 millóns de euros máis.

Os beneficios están aí, o grupo ten moita carga de traballo. Cando falan de que pechan en negativo é por esta débeda. Pero o da débeda é coma a de calquera cidadán de a pé, que ten que pagar a súa hipoteca. A empresa agora di que a débeda temos que pagala os traballadores e traballadoras.

Unión traballadora e sindical

CUT, CIG, UXT e USO van por xunto á folga e CC.OO por outro lado. Onde xorde a diverxencia? 

CCOO dende o principio non quixo unirse. Nós apostamos pola unión porque cremos que se o faciamos en conxunto poderíamos ter máis beneficios. CCOO sempre quixo marcar a diferenza e venderse coma o sindicato máis representativo e queren levar a negociación ao seu terreo. Nós en todo momento lle abrimos esa porta para que se xuntasen connosco.

Nós queremos que a xente decida. Iso é o que marca a diferenza entre CC.OO. e nós

Outra diferenza é que nós as decisións as tomamos en asemblea, contando coa opinión de todas as traballadoras e traballadores; e CCOO non. Decidiron facer paros parciais e non consultaron cos traballadores e traballadoras. Nós queremos que a xente decida. Iso é o que marca a diferenza entre CC.OO. e nós.

A empresa enviou un comunicado ao cadro de persoal explicando a súa proposta de convenio pero parece que non conseguiu o efecto desexado. A asistencia de traballadores e traballadoras á asemblea foi moi numerosa e a decisión de folga case unánime, cunha soa abstención.

Non lle resultou ben o do comunicado e só conseguiu confundir á xente. Iso valeunos para que a xente acudise á asemblea, para despexar esas dúbidas que a empresa ocasionou con esa información.

A empresa tamén ameazou con aplicar o convenio sectorial. Iso é factible? 

A empresa ameaza con aplicar o convenio do sector porque non pode ameazar con despedimentos.

Estannos dicindo que precisan un 30% máis de contratación; entón non tería moito sentido ameazar con despedimentos. A súa única ameaza é que nos van mandar a elaborados. A xente non se asusta con iso. 

As xornadas de folga están convocadas en martes pero comezastes cun piquete xa o sábado pasado…

Os nosos xefes viñeron traballar. Meteron 5 grilleras para abrirlles cordón e que baixasen

Decidiuse o dos piquetes o sábado porque a planta de Chapela ten unha produción que non pode asumir en 5 días, de luns a venres e estabamos facendo horas extras. Entón unha medida de presión foi deixar de facer horas extra pero, cando o persoal fixo se negou, comezaron a cubrilas con persoal de ETT os sábados. Entón cando decidimos ir á folga, decidimos comezar xa con bloquear as xornadas dos sábados para evitar esa produción. A xente está moi indignada.

A primeira xornada de folga en martes foi exitosa, non?

Foi moi exitosa. Sorprendeunos bastante que a empresa se atrevese a mandar 5 grilleras. O problemático era o centro industrial de Chapela porque alí están as oficinas e os nosos xefes viñeron traballar. Meteron grilleras para abrir un cordón e deixar que baixasen.

Na cadea de produción e frigorífico houbo paro total, só foron traballar os de oficina

Para a xente igual foi un pouco frustrante porque iamos con idea de bloquear o paso pero a ver quen se atrevía alí a facer algo máis que berrar. Pero aínda así foi exitosa, xente dos tres turnos apoiando, xente dos sindicatos de fóra da empresa…. Na cadea de produción e frigorífico houbo paro total, só foron traballar os de oficina.

Que papel xogan as mulleres nesta loita? 

A maior representación na empresa é de mulleres e elas son as que máis loitan.

A por todas….

Cal será agora a folla de ruta? 

O martes, se a empresa non nos convoca, folga outra vez. Se a empresa non nos invita a sentarnos para comezar de cero sobre o convenio, a partir do 3 de abril folga indefinida.

Se a empresa non nos invita a sentarnos para comezar de cero sobre o convenio, a partir do 3 de abril folga indefinida.

Nós queremos negociar sobre o noso convenio en vigor, que é pioneiro no sector. Se Pescanova baixa, que vai pasar coas outras empresas? Baixan tamén. Se por competitividade nós baixamos, chegará un momento que baixen as as outras empresas da ría, das outras rías e, ao final neste país imos ir para abaixo todas.

Como está o ambiente?

A xente está moi enfadada e máis a xente veterana, que sabe o que se loitou para ter o que hai.

O ambiente está quente. A frustración de estar agarradas ás pancartas e ver como pasaban porque non podías facer outra cousa, quenta o ambiente porque eles provócano con esa actitude. A xente está moi enfadada e máis a xente veterana, que sabe o que se loitou para ter o que hai.

Prevedes chegar ata a folga indefinida? 

Creo que non imos chegar á folga indefinida pero a actitude da empresa é bastante chulesca. A actitude en Ispección de Traballo (cando fomos resolver o dos servizos mínimos) foi bastante chulesca.

Mandar ás grilleras para abrirlles paso, é bastante chulería. Eles son conscientes de que iso encabrona máis á xente. 

A CUT: poucos pero activos e fortes

A CUT con esta pouca representación mira o que movemos. Isto é como o da formiga, que move multiplicando o seu peso.

Ana quere destacar o traballo sindical dos outros dous compañeiros da CUT : un da planta de frigorífico de Chapela e o outro do Porriño.

Con esta pouca representación mira o que movemos. E coa axuda de Ricardo [Castro], claro. Isto é como o da formiga, que move multiplicado o seu peso.