Baixo o lema “Inspección Prevaricación?”, onte celebramos unha xornada de loita contra a actuación da Inspección de Traballo e a súa condescendencia co sector da automoción e moi especialmente con PSA. Inspección é un organismo público, pagado por todas e todos nós, que debe velar polo cumprimento da Lei na orde social. Nestes meses, presentámoslle como CUT máis de 20 denuncias que caeron en saco roto: nin obtivemos contestación nin iniciaron actuacións inspectoras; unha deixadez de funcións manifesta contraria incluso ao que establece o seu propio regulamento.
No transcurso da concentración de protesta, optamos por entrar nas instalacións, o que xerou unha certa tensión entre os responsables do organismo, que rapidamente chamaron ás forzas da orde, presentes no lugar desde mesmo antes de comezar a protesta.
A situación resolveuse coa mediación do Secretario da Inspección responsable das instalacións, quen facilitou unha xuntanza entre o Xefe da Inspección de Pontevedra (Sr. Casas de Ron) e unha representación de delegados da CUT no sector, que entraron acompañados do noso secretario xeral.
Despois de máis dunha hora de xuntanza, Inspección de Traballo acabou por asumir unha serie de compromisos para resolver as nosas denuncias e requirimentos. Agardamos que cumpran. Do contrario, continuaremos coa mobilización e a denuncia constante, sexa nas portas da Inspección, no Ministerio de Traballo, ou no Xulgado.