A CUT reivindícase como sindicato socio-político e de clase no seu Sexto Congreso Nacional

694

Ricardo Castro asume a secretaría xeral da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras.

A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) celebrou este pasado sábado en Vigo o seu sexto Congreso Nacional. Preto de 250 homes e mulleres deste sindicato nacido en 1999, que se define como galego, combativo e de clase, reuníronse no Hotel Coia da cidade olívica baixo o lema Inverter  a pirámide, para acordar e poñer ao día unha ferramenta sindical que consideran imprescindible para a clase traballadora galega, máxime nun escenario histórico que tildan de extremo, pola exacerbación, a explotación e a negación de dereitos básicos por parte das forzas do capital.

Neste contexto, a CUT aproveitou para reivindicar neste congreso o seu carácter de sindicato socio-político, entendéndose máis ca nunca como unha peza partícipe do proxecto de ruptura e emancipación nacional e manifestando de xeito inequívoco o seu decidio apoio ao proceso catalán e ao dereito á autodeterminación de todos os pobos do mundo.

A CUT gábase de saír deste sexto congreso fortalecida, tanto polo consenso que se manifestou coa aprobación por unanimidade dos dous relatorios que se votaron na asemblea (un político-sindical e outro organizativo), como polo nomeamento por aclamación da única candidatura que se presentou para conformar o novo Secretariado Nacional, máximo órgano deste sindicato entre congresos.

A dirección do sindicato pasa a mans de Ricardo Castro, que asume a Secretaría Xeral e de Organización en substitución de Manolo Camaño, histórico líder sindical que dá o relevo asumindo a responsabilidade das áreas de Internacional e Movementos Sociais. Outras compañeras e compañeros incorpóranse ao proxecto en áreas como Formación, Comunicación, Arquivo e Documentación, Secretaría das Mulleres, Asesoría Xurídica, Finanzas e Acción Sindical.

Súmanse ao Secretariado Nacional as persoas que ocupan as secretarías das diversas Unións Comarcais nas que a CUT se organiza territorialmente, que foron renovadas por completo en procesos electorais celebrados nas semanas previas a este sexto congreso: Andrea Lamas por Compostela, Demelsa Piñeiro pola Coruña, Natalia Moure por Vigo, Manuel Cabral polo Morrazo e Xosé Martínez Muñíz polo Barbanza.

No plano das alianzas internacionalistas, a CUT reafirmou tamén nesta asamblea xeral da militancia o seu compromiso de seguir tecendo lazos de fraternidade e solidariedade con outras organizacións sindicais de clase e combativas do resto do Estado e do mundo. Asistiron a este congreso como organizacións irmás convidadas representantes de LAB, do CUT de Aragón, do SAT, da IAC, da Intersindical Valenciá, do CSI de Asturies, da Confederación Intersindical, do FSOC e da FSM. No marco do Congreso, celebrouse unha Conferencia Internacional o venres 27 de outubro para poñer en común as diversas ideas e puntos de vista de cada organización sobre “Sindicalismo de clase en Europa”, unha conferencia que finalmente estivo condicionada pola conxuntura excepcional da Catalunya.