A CUT chama a toda a Comunidade Educativa á mobilización ante a nefasta xestión do goberno da Galiza desta crise sanitaria. Cómpre encher as rúas ante a perpetuación dos recortes no público, cunha Xunta que segue a blindar os intereses do sector privado malia a excepcional situación de emerxencia sanitaria determinada pola transmisión masiva da COVID-19.
No eido da Educación agora e reproducindo as neglixencias cometidas no ámbito sanitario, o Sr. Feijoo e a súa cómplice a Sra. Pomar reiteraron a súa vontade de non investir un só euro para garantir a seguridade hixiénico-sanitaria nos centros escolares.
Os lacaios do sistema neoliberal non fan máis que mentir e manipular mediaticamente, nomeadamente abusando da CRTVG coas súas declaracións públicas, desconsiderando as advertencias da comunidade educativa e mesmo as advertencias da comunidade científica internacional, que leva meses a advertir do risco de transmisión da pandemia coa masificación de espazos fechados. Non hai unha alternativa para un regreso seguro ás aulas que non sexa o investimento: máis profesorado e persoal de servizos e sanitario nos centros e máis seguridade no transporte.
Estamos fartas das escusas e das mentiras do goberno galego. Existen espazos públicos para desdobrar as aulas e é viábel establecer quendas de mañá e tarde nos centros educativos. Pola contra esta vía segue a descartarse por custosa mentres se continúa a rescatar á patronal privada cos cartos que deberan ir, máis do que nunca, destinados ao sector público e a uns servizos seguros.
A Xunta de Galiza pretende evadir as súas responsabilidades a pesar de ter transferidas as competencias en materia sanitaria e educativa. Dende a reasunción por parte das comunidades autónomas das súas competencias de xestión en materia sanitaria a actuacion do goberno galego está a carectarizarse pola súa incompetencia e irresponsabilidade. Seguen a botar balóns fóra e a xogar con todas nós e coa nosa saúde sen pudor, anunciando agora un “novo” protocolo unilateral para o día 7 de setembro, máis de 6 meses despois do inicio da alerta sanitaria e co curso xa en marcha.
Pola saúde e educación dos nosos fillos e fillas a CUT chama a paralizar por completo o sector do ensino dende o primeiro día do curso coa contribución de todos os actores sociais, das ANPAS, aos sindicatos de traballadoras do sector, ao alumnado. A nosa saúde e a nosa educación non pode ser máis un xoguete nas mans de especuladores e irresponsábeis.