CORONAVIRUS: CUT esixe permisos retribuidos polo peche das escolas

1338

A CUT lémbralle á patronal e á Xunta de Galicia a obriga que teñen de conceder permisos retribuidos para o coidado tras o anuncio das medidas extraordinarias relacionadas co coronavirus

O sindicato vén de comunicarlles á CEG e á Xunta que deben permitir, favorecer e remuner as ausencias ao traballo daquelas persoas traballadoras que non teñan máis remedio que asumir persoalmente as tarefas de coidados doutras que teñan ao seu cargo

A Central Unitaria de Traballadoras, tras o anuncio por parte do presidente da Xunta da adopción dunha serie de medidas extraordinarias relacionadas coa xestión da chamada crise do coronavirus, vén de comunicarlle por carta á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e á Presidencia en funcións da entidade, así como á propia Xunta de Galicia, que teñen a obriga de conceder permisos retribuidos a todos aqueles traballadores e traballadoras que non poidan organizar ou delegar a xestión irrenunciabel dos coidados de menores ou maiores que teñan ao seu cargo e á que non poidan facerlle fronte nestas circunstancias extraordinarias.

O sindicato, que considera improvisada e omisiva a xestión do goberno galego, cando se puido prever hai días que os acontecementos ían evolucionar cara esta situación, confía en que se atenda esta lexítima reclamación que ten amparo legal e se implementen as medidas necesarias para permitir o goce destes dereitos que emanan de deberes irrenunciabeis.

Reproducimos a continuación a carta, asinada polo secretario xeral da CUT, Ricardo Castro, que se lle enviou á patronal e á Xunta de Galicia.

“Estimados Srs,
Estimadas Sras;

A primeira responsabilidade como forza sindical é transmitir calma, pero tamén asumir a nosa responsabilidade ante a crise xenerada polo COVID-19. Nese sentido a xestión improvisada e omisiva do Goberno galego levounos a que este 12 de marzo de 2020 a Xunta de Galicia aprobase unha serie de medidas entre as que se encontra principalmente a suspensión da actividade docente en todos os niveis educativos, desde educación infantil ata universidades. Os centros educativos pecharán a partir do luns 16 de marzo durante 14 días, e previsiblemente reabrirán o día 30 de marzo, data condicionada á valoración epidemiolóxica das autoridades de saúde pública.

Merece especial mención a absoluta falta de responsabilidade por parte da nosa Administración cando garda silencio sobre a cargo de quen se realizarán os coidados das nosas e dos nosos menores durante este período. Sendo este silencio significativo, en canto todo apunta a que será novamente a clase traballadora a que deberá facerse cargo das súas e dos seus ante esta incomprensíbel desaparición do público nesta crise.

En consecuencia, recordámoslle que en moitas das familias non existen outras posibilidades que o coidado por parte das e dos proxenitores ou das e dos titores legais. Así, deberán cumprir as súas obrigas de xeito corresponsable e ausentarse do traballo, en cumprimento ademais da responsabilidade parental entendido como un debe inderrogábel.
Por iso debemos recordarlle, que ante a falta doutra medida de compensación ou colectivización dese coidado, e que a situación trae causa dunha medida decretada polo goberno na execución dun procolo de SAÚDE PÚBLICA para a prevención da expansión do contaxio do COVID-19, que:

1. A partir do 16 de marzo é previsible unha notable ausencia ao traballo do persoal da empresa debido á obriga de exercer os deberes derivados da garda e custodia de xeito sobrevido, polo peche de colexios, institutos e universidades.

2. Que dita ausencia retribuída está amparada na nosa lexilslación da seguinte maneira:

Para o emprego privado, no artigo 37.3.d) do Estatuto dos Traballadores, ao dispor que o traballador ou traballadora poderá ausentarse do seu traballo, previo aviso e xustificación, con dereito a remuneración “Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, estarase ao que esta dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica”.

Para o emprego público xa ben no artigo 48 j) do texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado e a Empregada Pública, ao establecer este dereito “polo tempo indispensábel para o cumprimento dun deber inescusábel de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral” ou no artigo 117 da Lei de Emprego Público cando se establece o “o cumprimento de deberes inescusables de carácter público ou persoal, de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e mais de asistencia a consultas e revisións médicas”.

En virtude do exposto lembrámoslles que, a prol da xestión responsábel e eficiente da actual situación, cómpre que lle transmitan ás entidades a esta patronal asociadas a necesidade de non interferir no desfrute destes dereito e de Iles enviar unha mensaxe de contribución á necesaria atención dos nosos e a nosas menores.