O cadro de persoal da factoría parou onte ás 12 horas para gardar un minuto de silencio pola morte en accidente laboral da traballadora da nave do Porriño, en resposta á chamada da Coordenadora da Automoción da CUT.
Ás 12 horas deste mércores celebrábase no patio de Copo Ibérica en Mos o minuto de silencio na memoria da compañeira accidentada mortalmente na nave do grupo empresarial no Porriño. A Dirección da empresa accedeu, ante a persistencia do Comité de Empresa liderado pola CUT, a acompañar a convocatoria do chamado por megafonía. O son da sirena da fábrica pechaba este acto acompañado polo aplauso espontáneo e solidario das traballadoras e traballadores que lle queren recordar á empresa que a saúde e a vida dunha compañeira vale máis que toda a súa produción.
Os altos ritmos de produtividade, contra as medidas preventivas, traen consecuencias dramáticas e intolerábeis, froito do esgotamento físico e psíquico.
Denuncian así a precariedade nun sector como o da automoción con mais do 40% de contratos temporais, e queren que a opinión pública coñeza que en dito Grupo, afectado por ERTEs masivos, está a producirse a ritmos superiores ao período pre-pandemia.
A representación da CUT no Grupo Copo quere lanzar a mensaxe de que os altos ritmos de produtividade, contra as medidas preventivas, traen consecuencias dramáticas e intolerábeis, froito do esgotamento físico e psíquico.
A mensaxe do cadro de persoal para a malchamada nova normalidade é que o uso de EPIs como máscaras nasobucais e pantallas faciais interfiren nos fluxos respiratorios do persoal provocando a diminución da atención. Por tanto, os grupos empresariais deben aceptar esta afectación ao traballo reducindo sensibelmente os ritmos de produción. Porque antes do que o seu lucro está a saúde e a vida de cada un e cada unha das nosas.