Comunicado dos bombeiros de Vigo

80

A comisión de Bombeiros integrada por todos os sindicatos representados no servizo de Bombeiros de Vigo quere, por este medio, facer chegar:

Que en relación ao incendio na nave de reciclaxe Toysal, fica de forma evidente a desastrosa xestión desta corporación municipal, no que toca a resolver os problemas de déficit de persoal do servizo de extinción de incendios da cidade de Vigo.

Este incendio orixinado o día 17 de setembro contou apenas con 15 efectivos por debaixo dos 20 estipulados pola propia corporación como mínimos, e durante o relevo entre quendas efectuado ás 22:00 horas do día 17 tamén se encontraban menos dos 20 estipulados.

Estes mínimos, é preciso dicir que incluso sendo cumpridos, son totalmente insuficientes para un incendio destas dimensións. Non debemos de esquecer que os 20 bombeiros dos mínimos é un numero lonxe de dar un servizo de calidade; como o propio termo di son mínimos.

Debido á duración e natureza da intervención os relevos entre bombeiros despois de períodos de intenso traballo son esenciais para poder garantir a intensidade necesaria para unha correcta extinción. Debido á falta de persoal estes non se produciron e o incendio continuou durante toda a noite até a mañá do día 18.

Este sinistro pola súa magnitude implicou que todos os integrantes do servizo estivesen dedicados o cento por cento á súa extinción. Isto fai que se acontece calquera tipo de sinistro que require a intervención dos bombeiros, os tempos de resposta se dilatan considerablemente, ao ter os bombeiros que desmontar todos os equipos e instalacións. Estes tempos de resposta son nos sinistros un asunto esencial para garantir unha pronta e satisfactoria resolución.

En situacións coma a do incendio de Toysal, tendo a todos os integrantes do servizo traballando, non existiu unha dotación que non estivera intervindo preparada para outro servizo de emerxencia sen ter que desmontar instalacións.

Outro dato de moita importancia é que este servizo se viu desbordado e tivo que recibir o apoio dos Servizos de emerxencias de Mos e Val Miñor con persoal e material, así como cisternas de auga do servizos da Xunta do 085 e AXEGA dependentes da Xunta de Galicia. Isto evidencia o precario estado no que se encontra o SEIS de Vigo, cando históricamente era este último quen prestaba servizo a outros concellos.

Durante os últimos anos, alén do incumprimento de mínimos dunha forma crónica, produciuse o peche do antigo parque de Balaídos e o provisional parque de Coruxo en varias ocasións, a última recentemente.

Estes incumprimentos de mínimos e peches de parque non fixeron que a corporación municipal tomara este asunto en serio, xa que as ofertas de emprego para o servizo de bombeiros dos anos 2020-21-22 continúan sen ser implementadas e a do 2023, xa na recta final do ano, se descoñece que vai pasar. Por se isto non fose suficiente as bases das oposicións están paralizadas dende xuño no departamento de persoal.

Os sindicatos aquí representados solicitan desta corporación Municipal que deixe de xogar aos dados coa seguridade dos e das cidadáns e dos bombeiros e execute dunha vez as diferentes ofertas de emprego para que este servizo de extinción de incendios poida saír, dunha vez por todas, deste contexto de precariedade.

Tal vez para iso sexa preciso que esta Corporación Municipal, co seu alcalde á cabeza, deixe de lado de momento asuntos na axenda política con moito “glamour”, xa que a gravidade do que está a acontecer ben o justifica.

CCOO     SICO     CUT     UGT     CIG