Comeza a demostrarse a xestión proCapital do coronavirus

271

PACK ANTIESTAFA EMPRESARIAL  despois da publicación do Real Decreto-Lei 8/2020 de medidas urxentes extraordinarias

Hoxe acaba de se publicar o Real Decreto-lei co paquete de medidas para o mercado laboral por causa da situación derivada do Coronavirus; que son as seguintes:

SOBRE MEDIDAS DIVERSAS

  • Non se poderá suspender o suministro de auga, electricidade e gas natural ás persoas consumidoras vulnerábeis. Prorrógase ata o 15 setembro 2020 o bono social.
  • Ten carácter preferente o teletraballo. Aquelas empresas que poidan adoptar esta medida, en canto sexa tecnica e razoablemete posíbel e que o esforzo de adaptación necesario resulte proporcionado. Esta medida deberá examinarse con carácter prioritario a ERTEs e suspensións de contrato.
  • A estafa do dereito de adaptación do horario e redución de xornada. O Estado alíñase coa patronal invitándonos a escoller para o coidado de cónxuxes ou parellas de feito ou familiares por cosanguinidade ata segundo grao adaptacións de xornada ou reducións de xornada, coa correspondente perda retributiva. Isto constitúe un auténtico insulto pois pretenden que toda a labor de coidado saia do noso peto.
  • Insistimos: as empresas deben acceder a conceder o permiso remunerado por deber inescusábel para o coidado de familiares por situación Covid-19, o cal por certo se está aplicando no sector púbico. É indignante que pretendan que nós financiemos o coidado das nosas. Xa non se trata de repartir as perdas, agora pretenden que as traballadoras e traballadores paguemos todos os pratos rotos Tes formularios para solicitar ese permiso no Sindicato. Contacta!.
  • Suspéndese o pagamento das hipotecas para quen padeza “extraordinarias dificultades” para o seu pagamento. En posteriores comunicacións explicaremos os requisitos

MEDIDAS SOBRE OS ERES, ERTES E SUSPENSIÓNS DE CONTRATO

O Estado acaba de adoptar medidas de aceleración de ERTEs, EREs e supensións de contratos. Habilítase un número excesivamente amplo de causas de forza maior que facilita a expulsión do mercado de traballo. Considérase forza maior cando as empresas perdan a actividade como consecuencia do COVID-19:

  • Con suspensión ou cancelación das actividades.
  • Peche temporais de locales de afluencia pública.
  • Falta de subministros que impidan gravemente continuar co desenvolvemento da actividade.
  • Restricións no transporte e a mobilidade.
  • Situación urxentes e extraordinarias por contaxio ou illamento de plantilla.

O proceso de forza maior será especial. A empresa debe solicitalo cun informe obrigatorio da situación. Se hai Comité ou delegadas de persoal debe remitirlles ese informe e a documentación acreditativa.  A autoridade laboral deberá resolver en 5 días, e pode requerir informe de Inspección de traballo.

Xa avisamos que hai moreas de ERTEs en fraude nestes momentos, para proba o que acaba de ser tumbado en Burger King: https://www.elconfidencial.com/empresas/2020-03-18/gobierno-tumba-erte-burger-king-causa-fuerza-mayor-coronavirus_2503448/?fbclid=IwAR0qeNXKOvNpgnsNJ0z3u5T0uGfHt30nmKn0pgKeR-qmO_8lnmX-v-fJsRU

Se estamos ante un ERTE fraudulento porque non se dá a casuística de forza maior, denuncia de maneira inmediata ante Inspección de Traballo.

OUTROS EREs, ERTEs E SUSPENSIÓNS DE CONTRATO OU REDUCIÓN DE XONADA

Os ERTEs que non pasen o filtro da forza maior deberán tramitarse por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. O Estado acaba de recortarnos o tempo de negociación que pasa a ser de 7 días. Estes ERTEs deberán ser obrigatoriamente negociados coa representación.

ASINO O ERTE OU A SUSPENSIÓN?

Asina todas as comunicacións dos ERTEs como recibido pero non conforme. Estannos estafando. Haberá que impugnar despois moito dos ERTEs para que recuperes o roubado.

COMO COTIZO DURANTE O ERTE, ERE, ETC

Será o Estado quen abone a nosa cotización completa en caso de ERTE nas empresas de menos de 50 traballadoras. E para as de máis sabes que? O Estado aportaralles o 75 %. Estará Inditex encantada, deixando de cotizar por nós.

O tempo de ERTE considerarase cotizado a todos os efectos.

QUE PARO COBRO DURANTE ESTAS SITUACIÓNS

  • Recoñécese o dereito a percibir a prestación de desemprego durante a duración da suspensión. Percibirase o 70% os primeiros 180 días, a partir dese momento o 50%. Durante o ERTE perderemos o 30%, a parte proporcional das pagas extras, e o tempo proporcional de vacacións.
  • percibiremos o 100% se a empresa establece un complemento económico que ela asuma, e asume pagarnos as pagas e as vacacións. Que non te enganen con isto. Xeneráronse rumores para confundirnos, pero a realidade é esta.
  • Para as fixas discontinuas que de non ser por esta causa seguirían traballando, poderán volver a percibir o desemprego ata 90 días.
  • Cobrarás o desemprego nesas contías aínda que non teñas o tempo cotizado.
  • O paro consumido durante este perído será devolto. Porase o contador a cero.
  • Elimínase temporalmente a penalización por presentación extemporánea da solicitude do paro.  Suspéndense os prazos para solicitalo, pero se queres cobralo a tempo fai a solicitude telemática ou telefonicamente. As oficinas permanecen pechadas.

TEMPOS DIFÍCILES, COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS

Agora toca chamar á calma, pero cando nos repoñamos da crise tocará máis do que nunca ocupar as rúas. Estase xestionando esta situación de maneira que gañe sempre o Capital. Deberemos saír ás rúas recuperar o roubado. Cómpre máis que nunca Unidade Popular e coraxe colectiva.

OS LOCAIS DA CUT

A CUT quere contribuír á xestión da estafa laboral que se agocha atrás da crise do Coronavirus. A pesares de que os locais só atenderán baixo cita previa, existen liñas de atención telefónica sexas afiliada ou afiliado ou non o sexas, exclusivamente para temas laborais derivados desta crise. A información nestes momentos é esencial.

VIGO: Rúa Urzáiz 71 Entrechán dereito. Teléfono: 986220639 – 657878347

COMPOSTELA: Rúa de Sar 93. Teléfono: 981584427 – 698144229

CANGAS: Avenida de Moaña 17. Teléfono: 986392003 – 600515498

A CORUÑA: Rúa Barcelona 90. Teléfono: 639278845 – 647013679

RIBEIRA: Rúa Galiza 4. Teléfono: 981875282 – 647547435

OURENSE: Avenida de Marín s/n, entrada Andén 1, Edificio Adif, 2º andar. Teléfono: 607515084