As seccións sindicais da CUT e da CIG no Concello de Vigo solicitan a apertura dunha investigación sobre os supostos casos de corrupción nas oposicións a Policía Municipal e Bombeiros

198

A principios deste mes de decembro apareceron informacións na prensa sobre un proceso xudicial en marcha relacionado cunha suposta rede de corrupción organizada nas oposicións de Policía Municipal e Bombeiros, na cal se encontrarían involucrados funcionarios do Concello de Vigo.

A partir desas informacións, as seccións sindicais da CUT e da CIG no Concello de Vigo remitiron unha solicitude á administración municipal, concretamente ao departamento de Recursos Humanos, solicitando a apertura de dilixencias informativas para tentar esclarecer esta grave situación. Como resposta a ese primeiro escrito do 7 de decembro, o dito departamento declinou a apertura —a 20 de decembro— de calquera tipo de investigación.

Esta semana as seccións sindicais da CUT e da CIG no Concello de Vigo insistiron novamente na necesidade de apertura de dilixencias informativas. Entendemos que a negativa a investigar non dá resposta axeitada a un problema de extrema gravidade, utilizando ás claras unha política de balóns fóra, lonxe de afastar a dúbida sobre determinadas prácticas nos proceso selectivo de funcionarios no Concello de Vigo. Cremos que esta negativa é pouco afortunada, tendo en conta determinas sentenzas que nos últimos tempos non colocan a este Concello precisamente como exemplo de limpeza e boas prácticas nos procesos selectivos, se non máis bem todo o contrario.

Agardamos que o Concello de Vigo entre en razón e acceda desta vez a abrir unha investigación sobre o tema, porque as traballadoras e a cidadanía de Vigo merecen un Concello que dea exemplo de boas prácticas e transparencia.