As limpadoras cortan o reparto de Corrreos para esixir solucións tras catro meses sen cobrar

134

As traballadoras da limpeza de Correos concentráronse esta mañá ante o CTA da Lavacolla para esixir unha solución á súa situación, tras case dous meses en folga e catro meses sen cobrar por parte da empresa concesionaria, SCT (Limpezas J. Córdoba), que adebeda os salarios a unhas 300 traballadoras en Galicia.

” Na actualidade está aberto un proceso de contratación sen publicidade aínda sen resolver, polo que as traballadoras seguen nun limbo e cunha situación económica moi delicada, tras tantos meses sen cobrar”

Correos rescindiu o contrato coa concesionaria e sacou a licitación de novo ese servizo, quedando deserto. Na actualidade está aberto un proceso de contratación sen publicidade aínda sen resolver, polo que as traballadoras seguen nun limbo e cunha situación económica moi delicada, tras tantos meses sen cobrar.

As limpadoras berraron consignas como “Correos contrata empresas piratas” ou “Non faltan cartos, sobran ladróns” (en alusión á empresa concesionaria) e impediron durante case unha hora o paso dos camións de reparto no centro loxístico de Compostela, ata que a Policía Nacional e a Garda Civil as obrigou a restablecer o paso.

“As traballadoras non desisten e anuncian novas mobilizacións para lograr unha solución definitiva dende Correos que, ao entender da CUT, pasa por reinternalizar o servizo e aboarlle os salarios pendentes.”

As traballadoras non desisten e anuncian novas mobilizacións para lograr unha solución definitiva dende Correos que, ao entender da CUT, pasa por reinternalizar o servizo e aboarlle os salarios pendentes.

Mentres, as oficinas de Correos amosan unha imaxe devastadora de suciedade e desorde, sen que Correos nin ningunha instancia tome cartas no asunto.

 

 


Dende a CUT pedimos unha solución inmediata e global a este conflito, que leva latente dende principios deste ano 2023 e que pon nunha situación extrema ás traballadoras e ás súas familias, amais de deixar no abandono o servizo público de correo.