O pasado venres deuse por finalizada a “Reforma Laboral”, que nin foi derrogación nin nada beneficioso para nós. O seu anuncio foi o epílogo dunha das maiores farsas á clase traballadora.
Antes de chegar aos despachos do poder, os da nova política ían tombar o réxime do 78. Unha vez dentro iso quedou para outro momento, pero seguían a dicir que ían derrogar a Reforma Laboral, a Lei Mordaza… e hoxe xa só falan de “corrección dos elementos máis lesivos” da reforma do 2012 para, “por primeira vez en trinta anos recuperar dereitos”. Non teñen vergoña.
Unha e outra vez pretenden tomarnos por parvas, insisten en que esquezamos a historia, en que non analicemos as cousas para que así pensemos que todo obedece a leis naturais sen culpable algún, pero nós somos xordos e xordas ante tanta manipulación da linguaxe, somos inmunes a tanto cinismo. Sabemos que aquilo que chaman goberno “progre” non é máis que o elemento necesario para manter este sistema capitalista en pe, ninguén que se considere comunista pode defender que dentro do capitalismo haxa avances para a clase traballadora; eliminar a dialéctica de clase é renegar do materialismo histórico.
Esta reforma só contenta aos que mandan (e que pouco lles importa que a ministra se colgue medallas de chatarra diante dos focos), é dicir, á UE e á Patronal. A ministra comunista de cartón e as empresas sindicais de CCOO e UGT son meras comparsas para darlle cal á parede. Rimos (por non poñernos violentos) ao escoitar a estas corporacións sindicais dicir que é a primeira vez que recuperamos dereitos, demostrando claramente que son uns mentireiros compulsivos, pois as anteriores reformas que eles asinaron tamén foron defendidas como boas para nós. Cando mentían? Antes? Agora? Non, menten sempre.
Ningún dos elementos máis lesivos das anteriores reformas son tocados: que pasa cos salarios de trámite? Que pasa cos días de indemnización por despedimento? Que pasa coa flexibilidade? O que venden é fume de carozo: fin da ultra actividade (nunca se aplicou e as sentenzas botaban abaixo todos os intentos da patronal), aumento dos contratos indefinidos (que importa ser indefinido se me botan por catro patacos?), diminución da temporalidade (prohibiron as empresas de traballo temporal?), potenciar os fixos-discontinuos (isto demostra que non traballaron na vida con estes contratos, moi propios da conserva onde traballan “temporalmente”, cando traballan, e logo cobran paro ata que lles remata, logo nada; e así eles din que non hai temporalidade, que son fixos. Hipócritas)…
Nada agardabamos e nada temos. A clase traballadora non está representada no capitalismo parlamentario, só temos un camiño: a mobilización e mil folgas xerais contra o goberno e o capital.