A CUT non secunda a antifolga convocada nas administracións públicas e con servizos mínimos publicados na Orde 128/2021 de 30 de setembro
Dende a Área de Emprego Público da CUT desvencellámonos da convocatoria de folga nas administracións galegas rexistrada por particulares vencellados a movementos de ultradereita do Estado e con chamamentos continuos ao boicot do traballo sindical das forzas alternativas que estamos loitando contra a fraude e o abuso da temporalidade no sector público.
Esta convocatoria está sementando o caos ao ditarse servizos mínimos que detraen dereitos sobre compañeiras, con cambios constantes de datas e cun baile continuo no seu concepto. Pretenden facer folga indefinida e por días a un tempo, sen medir as consecuencias dos seus actos como convocadores.
Alén disto, a folga non conta co respaldo de ningunha organización sindical que se faga cargo das accións ou consecuencias en relación coa mesma.
Para a CUT esta convocatoria é a antifolga: só vai provocar un desgaste nas traballadoras que non foron previamente convocadas, preguntadas nin asesoradas para secundala.
A ultradereita só se move polos seus propios intereses e ignoran os cauces reais para usar unha ferramenta que para eles é allea, xa que nunca unha arma de loita sindical vai responder a intereses individuais, senón dos colectivos afectados e en suma de todas as traballadoras como clase.
Por todo o exposto a CUT non secundará esta folga e traballará nunha convocatoria futura coas formas e tempos necesarios, se así se acorda dende as bases do noso sindicato.
Área de Emprego Público da CUT
1 de outubro de 2021