A CUT apoia a folga e mobilizacións na educación infantil 0-3

233

Novamente, as traballadoras dos coidados, no ámbito educativo, son desprezadas nas súas reivindicacións laborais na negociación do XIII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil. A patronal desbota as propostas sindicais na mesa de negociación estatal, negando a mellora nos seguintes eidos:

  • Subida salarial acorde ao SMI tanto para as escolas de xestión privada directa como as de xestión indirecta sometidas a organismos públicos.
  • Cumprimento dos pregos de condicións públicos nas escolas de xestión indirecta.
  • Redución da xornada de traballo semanal.
  • Aumento de permisos que permitan a conciliación coa vida familiar e persoal: médicos, titorías, etc.

Na actualidade existen dúas táboas salarais diferenciadas para traballadoras de xestión directa e indirecta, evidenciando as diferenzas salariais entre un servizo dependente do público ou 100% de xestión privada. A proposta de unificala baixo criterios máis próximos aos entes privados e negando as condicións salariais dos pregos públicos é algo inadmisible.

O Real Decreto de Infantil publicado en 2022 dota de carácter educativo a toda a Educación infantil, ampliando a gratuidade aos dous ciclos (na Galiza dende 2021-22). O certo é que esta medida celebrada por todas e asumida polo erario público, non levou aparellado un plan de reordenamento da escolas infantís mediante o seu traspaso ao sector público ou a construción de máis escolas públicas nas que resituar ás traballadoras do servizo sostido con fondos públicos.

No fondo da negociación deste convenio está a resistencia a afrontar o problema de fondo por parte de patronal e sindicatos: non se pode manter o negocio privado con cartos públicos por moito máis tempo. Con tal motivo, e sen ter presencia na mesa estatal, dende a CUT posicionámonos con respecto ao XIII Convenio:

  • Aumento do salario para todas as traballadoras (xestión directa e indirecta) conforme as táboas salariais públicas en Educación Infantil.
  • Equiparación dos permisos co persoal da Consellería de Política Social.

Ademais pedimos, nunha negociación máis ampla na mesa e a medio prazo:

  • A conversión para o público das escolas infantís privadas subvencionadas con todas as súas traballadoras e o fin da xestión indirecta.
  • O traspaso de competencias das escolas 0-3 á Consellería de Educación, unha vez recoñecido o seu carácter educativo no RD de Educación Infantil de 2022.

Por todo o exposto, dende a CUT apoiamos a folga do día 29 para a mellora do convenio actual e a mobilización con saída ás 11.30 dende a Alameda de Compostela.

CUT ENSINO-EDUCACIÓN INFANTIL