A crise migratoria non existe

84

Dende o sindicalismo de clase estamos en posición de asegurar que as “crises migratorias” non existen. Para o dicionario da RAG, crise significa “Momento grave, situación difícil pola que atravesa momentaneamente alguén ou algo que está en evolución, como unha empresa, un país, unha situación etc”. Seguir cualificando as miles de mortes que se producen nas fronteiras interestatais ou en augas internacionais de crise é invisibilizar a máis cruel das realidades: detrás destas mortes hai un complexo xogo de intereses dirixido principalmente a abaratar a man de obra. Hai, polo tanto, unha dirección política consciente desta masacre.Nun libro imprescindible, “Un deseo apasionado de trabajo máis barato y servicial” o asturianu Eduardo Romero explica de maneira brillante a lóxica dos fluxos migratorios no contexto do capitalismo avanzado. O autor recórdanos ao primeiro algo que non é baladí: a publicación dunha banda deseñada titulada “Sueños de vida” patrocinada pola ETT Adecco, El Corte Inglés, Carrefour, Iberia ou Coca-Cola (entre outras) e editada pola vergoñenta coorporación sindical CCOO. Neste obsceno relato caricaturízase a un mozo, Mamadú, que nos lembra na fala ao retrato colonial da cinematografía ianqui sobre os pobos indíxenas, para finalmente denigrar a inmigración “ilegal” e chamar a fluxos migratorios “ordenados e regulados”. Neste tipo de posicións é onde o sindicalismo se confunde coa extrema dereita.Ninguén pode agardar dos diferentes estados capitalistas europeos (ou do norte do mundo) que despois dunha política de aberto espolio económico e do desenvolvemento das máis brutais guerras por puros intereses xeoestratéxicos desenvolvan unha política para mitigar os efectos humanos destas contendas, pois a última característica que se pode predicar do capitalismo é o seu carácter humanitario. Mais o preocupante é que o ciclo da súa perversión non remata aquí: unha vez espoliados os seus bens e destruídos os circuítos produtivos nos seus países de orixe, estes estados foron dotándose dunha lexislación (dende o europeo Acordo Schengen e sucesivos á española Lei de Estranxeiría) ao obxecto de aproveitarse da situación dramática destes pobos que se ven forzados a migrar. Dunha banda regularizan un sector da inmigración mais da outra, someten a unha importante parte, cuxa entrada se vai realizar por fóra das autorizacións previstas, aos seus poderes policía. Non hai nada mellor para silenciar e escravizar ás inmigrantes que extirparlle un a un todos os seus dereitos e sometelas á discreción do Estado: “se calas terás traballo, se te moves serás deportado/a”.A Xunta de Galiza titulaba unha nota de prensa “Galicia, una comunidad que crece de la mano de la inmigración” (sic). É coñecida a necesidade do Capital de manter certa constancia demográfica para soster un exército de reserva de man de obra e dende esta óptica, no noso contexto, a inmigración é unha realidade necesaria para o Capital. “Ora ben, moito mellor”, pensa o Capital, “se no canto de a regularizar ou abrir fronteiras, o feito de endurecer as políticas migratorias nos permite por unha banda crear un inimigo interior (afianzando un noxento discurso da xenofobia) e por outro abaratar os custos destas traballadoras e traballadores, pero non só, senón que serve para abaratar os custos de toda a man de obra, galega ou estranxeira”. “Un irregular curra máis barato do que un regular e isto é bo, pero se un inmigrante curra máis barato do que ti, máis vale que vaias pensando en currar aínda máis barato, por suposto, por baixo do Convenio, e isto é magnífico para nós” pensa o empresariado de ben.
O reverso de todo isto son as mortes. Mentras se organiza unha situación de clandestinidade parapolicial para as e os inmigrantes estes compañeiros e compañeiras, traballadores e traballadoras doutros puntos do mundo, viven unha situación de dificultades e sometemento extremo para entrar nos diferentes países, en mans de mafias e dependentes de métodos de transporte riscoso para as súas vidas, xa sexa por terra ou por mar. Co noso movemento obreiro, que leva anos a forxarse nos principios do internacionalismo proletario, aprendiamos que independentemente de calquera circunstancia nacional, a clase obreira é unha e unida, ao longo de todo o globo, loitando por un mundo mellor onde deixemos de ser escravas e escravos do traballo asalariado. Sen diferenzas de etnia ou cor. Man a man.Non hai unha crise migratoria: hai unha masacre programada e asasinatos de traballadoras e traballadores que se contan por centos. O racismo e a xenofobia son, compañeiras e compañeiros, unha ferramenta do Capital para nos dividir e denigrar máis aínda as nosas condicións no traballo. Para a CUT, e para toda central sindical que aínda se digne de portar tal nome, ningún traballador e ningunha traballadora é ilegal.