25 N: O patriarcado empobrécenos

161

Na loita por unha sociedade igualitaria e xusta é desolador que se presencie con resignación a violencia que experimentan as mulleres e todas aquelas identidades que rachan coa imposición da heteronorma. De entre as diversas formas de abuso físico, sexual, psicolóxico e económico nas que se expresa a violencia machista este ano queremos destacar a violencia económica estrutural que se simplifica baixo o concepto “pobreza feminina”. Máis alá do dano inmediato que a feminización da pobreza provoca, queremos denunciar a súa potencia para restrinxir a nosa capacidade de acción, atrapándonos en ciclos de indefensión económica e vitimización.

Chamamos a atención sobre a feminización da pobreza como unha expresión das condicións de abuso e dominación ás que o patriarcado nos somete e que require dun programa de acción inmediata por parte de toda a sociedade.

“A división sexual do traballo (que é o xeito na que as sociedades distribúen a participación na produción en función do rol de xénero asignado) converteuse nun dos principais factores que inflúen na feminización da pobreza. “

A división sexual do traballo (que é o xeito na que as sociedades distribúen a participación na produción en función do rol de xénero asignado) converteuse nun dos principais factores que inflúen na feminización da pobreza. Unha das transformacións da revolución industrial que se consolidou foi a diferenciación clara entre a “esfera do público” e a “esfera do privado”, concedéndolle o dominio do espazo público aos homes (protagonizando o que pasaba nese espazo, o traballo) e recluíndo ás mulleres ao espazo doméstico (asignándolle roles centrados principalmente nos coidados, o traballo reprodutivo e o traballo doméstico), sendo estes traballos desvalorizados, sen remuneración ou de remuneración escasa.

A pesares da progresiva introdución da muller no traballo asalariado estes roles tradicionais de xénero foron perpetuados, reproducidos e refinados provocándose logo a chamada “segregación ocupacional”, na que os traballos precarios, mal pagados e de baixo recoñecemento social se converteron nos nosos guetos.

Mesmo os traballos historicamente asignados ás mulleres -coma os traballos de coidados hoxe profesionalizados ao convertérense en servizos sociais ou prestacións sociais necesarias, claramente aínda ocupados por mulleres- seguen a desenvolverse en condicións precarias, con salarios de miseria, sen un acceso digno á promoción e sen posibilidades de conciliación reais.

“Sectores como a limpeza e o traballo doméstico manéxanse entre o formal e o informal, con segregación de dereitos, servindo de lameiras de clasismo, racismo e machismo.”

Outros sectores, fóra do público, seguen no limbo do recoñecemento. Sectores como a limpeza e o traballo doméstico manéxanse entre o formal e o informal, con segregación de dereitos, servindo de lameiras de clasismo, racismo e machismo. Tamén o téxtil e as conservas manteñen, como aqueles, estratexias de degradación por xénero en aspectos esenciais como recoñecemento, a carreira profesional ou o propio salario, perpetuándose aínda o salario máis baixo das mulleres en traballos de igual valor ao entenderse que segue a ser un “salario complementario” do dos sustentadores principais varóns das familias.

A infravaloración da nosa forza de traballo e o desequilibrio no reparto das responsabilidades domésticas perpetúa a pobreza económica, social e cultural, limitando o noso desenvolvemento persoal e colectivo. Está consolidada a máxima da modernidade: todo traballo feminizado é precario, e todos aqueles traballos precarios son para as mulleres. O papel que ocupamos na sociedade segue organizado segundo as regras patrarcais de distribución dos roles de xénero.

“Para acabar coa feminización da pobreza e coa violencia patriarcal é esencial contar cunha visión feminista e transversal que nos dote de ferramentas para combater a violencia estrutural”

Para acabar coa feminización da pobreza e coa violencia patriarcal é esencial contar cunha visión feminista e transversal que nos dote de ferramentas para combater a violencia estrutural, cun programa político feminista de clase que pase pola redistribución dos recursos e a riqueza, pola garantía de acceso a unha vida digna para todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero ou orixe. Precisamos estratexias sindicais contra a brecha salarial e para a conciliación do laboral e persoal, así como para garantir a recomposición da identidade colectiva sen persoas despeces como os que o patriarcado colocou na marxe.

Promover a igualdade e a xustiza social é deber de todas as persoas coa obriga de participar activamente no desmantelamento dos sistemas patriarcais. Non poderá existir unha verdadeira emancipación da clase traballadora sen un punto e final ás desigualdades que laminan, violentan e dividen ás propias traballadoras.