25 de xullo: cara onde imos?

291

Un pobo oprimido polas sucesivas crises, sexan económicas, pandémicas ou sociais non é un pobo libre, precisa tomar o mando do seu destino. O único xeito de facelo é tomar conciencia de seu, exercer a dignidade e preguntármonos que queremos ser.

O escenario actual de inmobilismo e atrofia analítica dificulta este camiño, máis non o fai imposíbel. O primeiro paso é analizar con claridade a que nos enfrontamos para poder despois establecer a nosa folla de ruta.

Neste balbordo quen perde é a clase traballadora por dous aspectos: porque perde a perspectiva de clase e alíñase nos bandos capitalistas e, en segundo lugar, porque será quen pague as facturas.

No aspecto xeopolítico estamos a vivir unha tentativa de fortalecemento do dominio americano por medio da organización criminal da OTAN, onde o papel da Unión Europea non é outro que o de obediente servo que defende os intereses do patrón. Temos diante unha loita cuxo obxectivo último e prexudicar á China, o xigante económico que está a rematar coa hexemonía dos Estados Unidos. Neste balbordo quen perde é a clase traballadora por dous aspectos: porque perde a perspectiva de clase e alíñase nos bandos capitalistas e, en segundo lugar, porque será quen pague as facturas.

Os creadores de opinión (noutrora chamados medios de comunicación) insisten no seu discurso monolítico e único, contando coa complicidade das chamadas “democracias occidentais” para eliminar calquera opinión disidente, o que antes daban en chamar censura, para maior claridade.

A política do goberno español está completamente aliñada co capitalismo e co imperialismo mentres utilizan cortiñas de fume como o feminismo desclasado

O goberno do “borrollito progre” exerce o seu labor de bo lacaio ianqui dando cobertura ao cumio da OTAN e silenciando os asasinatos no valado de Melilla para contentar o seu novo amigo,  a ditadura de Marrocos. A política do goberno español está completamente aliñada co capitalismo e co imperialismo mentres utilizan cortiñas de fume como o feminismo desclasado, convertendo calquera crítica de carácter político nunha falsa cruzada antipatriarcal.

Galiza cada día é máis colonia e menos país. Domina a política estatal e á esquerda nacionalista só parece preocuparlle a carreira electoral, onde mellorar os seus resultados xa semella que vai solucionalo todo.

En canto ao que nos agarda como clase traballadora só podemos dicir que volven co mesmo de sempre: socializar as perdas. Falan do pacto de rendas como solución cando vai ser un novo acoutamento ás nosas vidas, máis miseria. Bombardean dende o Banco de España, bombardean dende as grandes empresas que din non poder asumir o asinado nos convenios colectivos, bombardean dende a parte do stablisment  do goberno que din querer proporcionar “confianza e estabilidade” á clase traballadora. Bombardean dende a prensa e os poderes “cortesanos” xunto aos tertulianos e tertulianas e os sindicatos corporativos. Para nós todo son culpas por precisar comer e pagar facturas, para nós todo son bombas, mentres as grandes fortunas agochadas nas multinacionais controlan os prezos das enerxías e da alimentación levándoos a estándares abusivos coa intención de seguir a gañar e recuperar o pouco que perderon na pandemia; e o goberno, o parlamento todo, cómplices da expropiación á clase traballadora, á que lle sobra mes para tan pouco salario.

Este 25 de xullo debe servir para poñer obxectivos e saber onde está cada quen. Dende a CUT reivindicamos o orgullo de sermos galegos e galegas, reivindicamos a nosa lingua porque é da clase traballadora e porque nos dignifica como pobo que respecta a súa memoria e a súa cultura, reivindicamos a nosa bandeira e o noso sindicalismo combativo, de clase e feminista.

Queremos Patria para a clase que traballa e sofre, nunha nación, a galega con proxecto nacional para traballar, para sermos donos e donas dos nosos recursos

Nós queremos Patria, claro que si, pero non como concepto abstracto, metafísico ou mesiánico. Queremos Patria para a clase que traballa e sofre, nunha nación, a galega con proxecto nacional para traballar, para sermos donos e donas dos nosos recursos, para dispoñermos nós do noso medio natural, para gobernármonos nós na nosa cultura e no idioma nacional.

Nada disto ten cabida no actual sistema autonómico nin na que chaman “democracia española”,enxendro parido coa restauración da podredume borbónica. Nada, absolutamente nada, nin como clase traballadora con dereitos nin, moito menos, como pobo asoballado que somos con dereito á autodeterminación e á independencia nacional…

A correlación real das clases populares de Galicia fronte ao capitalismo que encarnan a España reaccionaria e a Unión Europea, só se modificará nas rúas, nos centros de traballo, coa organización da mocidade rebelde camiñando a unha Folga Xeral

Non nos enganemos, a correlación real das clases populares de Galicia fronte ao capitalismo que encarnan a España reaccionaria e a Unión Europea, só se modificará nas rúas, nos centros de traballo, coa organización da mocidade rebelde camiñando a unha Folga Xeral que sexa dique de contención ó españolismo con caroza progresista como tamen ó fascismo. A correlación non a imos modificar nunhas eleccións onde o único que se discute é quen será quen lamba as migallas de Bruxelas e Madrid.

Este 25 de xullo debe ser o primeiro dos 365 días que terá o ano, e o primeiro paso de camiño a unha folga xeral que nos sitúe fronte á opresión e á precariedade que nos queren impór.

Viva o 25 de Xullo!! Viva Galiza ceibe e proletaria!!