No día de onte confirmáronse os recortes masivos de profesorado nos centros de ensino galego para o curso 22-23. No mesmo día no que o Consello da Xunta anunciaba o teito de gasto máis alto dos últimos anos, centos de docentes permanecíamos na sede da Consellería exixindo unha ampliación de cadro de persoal.
QUE ESTÁ A PASAR NOS CENTROS?
A pesar das denuncias de profesorado e centros educativos, a Xunta decidiu que todo o profesorado galego permaneza neste vindeiro curso co máximo de horas lectivas (de impartición de aulas), que actualmente se atopa nas 20 horas semanais. Esta situación é froito dos recortes aplicados en nome da crise de 2008 no ano 2012 no que pasamos dun máximo de 18 á situación actual. Este cambio supón aumir máis número de alumnado por profesor e recortes drástico de persoal.
Para conseguir o seu obxectivo, a Xunta introduce materias afíns en secundaria (é dicir, o docente de forma obrigada ten que dar horas de clase doutra especialidade allea). Este feito é gravísimo, xa que o avance da falta de especialización nas aulas é inexorable e detrae a calidade do ensino que reciben os nosos fillos, con profesorado non especialista impartindo materias para as que non foron formados.
A inexistencia dunha RPT en secundaria permite á Consellería xogar cada ano e en cada convocatoria e situación coas prazas e especialidades como quere. No día de onte e de hoxe coñecíamos cifras de profesorado recortado de ata 13 docentes no IES da Sangriña (A Guarda), un exemplo desta política de reparto de materias indiscriminado e recorte de persoal.
No caso de Primaria tamén atopamos, a pesar da existencia dun catálogo de prazas e unha publicación de vacantes previa, que estas vacantes anuais son ocupadas en parte por persoas de especialidades que non corresponden coa praza: profesorado de PT en Primaria, profesorado de Primaria ou PT en Francés (preto de 30 vacantes), etc.
As consecuencias directas desta desfeita repercuten na parte máis débil do profesorado: o persoal temporal. Docentes con 10, 15 e mesmo 20 anos de servizo en prazas vacantes estruturais, van ser cesados a 31/08 sen ningún tipo de indemnización e a pesar de numerosas sentenzas que recoñecen a súa contratación en abuso de temporalidade e unha lei estatal que obriga á estabilización en todas as administracións do persoal temporal de longa duración. Pero tamén os recortes de persoal repercuten na carga de traballo do persoal docente en activo con máis alumnado, mais burocracia e máis horas de clase e polo tanto na calidade do ensino e na educación de toda a comunidade.
QUE SOLUCIÓNS PODEMOS ACHEGAR DENDE O SINDICALISMO COMBATIVO?
A CUT convoca a todo o profesorado e comunidade educativa a unha manifestación o Domingo 11 de setembro en Santiago de Compostela ás 12.00h baixo o lema: POLA FIN DOS RECORTES E CONTRA OS DESPIDOS NO ENSINO PÚBLICO.
2. Todo o profesorado interino despedido debe denunciar o seu cese en setembro de non ser adxudicado con vacante no inicio de curso, para conseguir a súa nulidade. A asesoría sindical da CUT axudará neste sentido a todo aquel docente que necesite orientación tras ser cesado no correo cutensino@cutgaliza.org
Por último, a CUT volve chamar de forma pública e aberta ás organizacións sindicais a apoiar, colaborar ou mesmo encabezar esta iniciativa para dar solución aos graves recortes nos centros de ensino e defender ás traballadoras despedidas ou mesmo, se o prefiren, propoñer saídas alternativas que poidamos apoiar par unha solución conxunta.
A día de hoxe, e aínda sendo un ano de eleccións sindicais no ensino, nada sabemos dos sindicatos con representación sobre o que está a acontecer.
Coordinadora da CUT Ensino, a 3 de agosto de 2021