Confederación Intersindical, Co.bas, Solidaridad Obrera, SAS, CUT Galiza, Intersindical Valenciana e Ista convocamos mobilizacións contra a modificación do EBEP e pola consolidación real do persoal en abuso de temporalidade.
Con estas mobilizacións exiximos ao Ministro Iceta a retirada do borrador onde se modifica o EBEP que, lonxe de dar solución ao problema das persoas empregadas públicas en abuso de temporalidade, o que fai é agravalo ademais de precarizar enormemente o emprego público.
Consideramos que as ofertas públicas de emprego masivas, falsos procedementos de estabilización, son contrarios ao Dereito Comunitario, dado que o seu resultado é incerto para os empregados públicos temporais en abuso de temporalidade e ademais os mesmos están abertos a candidatos que non foron vítimas de tal abuso, sen prexuízo da continuidade das OPE para cubrir aquelas prazas vacantes non ocupadas polo persoal en abuso de temporalidade (reposición e nova creación) que deben seguir o seu curso ou seren convocadas o antes posible para evitar que esta situación sexa repetida nun futuro.
Como organizacións sindicais pedimos a retirada deste borrador e das medidas ata o de agora realizadas e que o ministro sente a negociar con todas as organizacións sindicais, porque tamén representamos á clase traballadora empregada pública e temos moito que dicir.
Cremos que esta modificación do EBEP é un auténtico despropósito porque de facto pode supoñer o despedimento de centos de miles de traballadoras do sector público que están contratadas en fraude de lei polas administracións públicas e, ademais, pretenden facelo sen garantir ningún dereito, sen ningún tipo de compensación nin indemnización. Supón un paradoxo que sexan as administracións públicas quen trata peor aos seus empregados e empregadas, quen propoña precarizar, empregar e despedir ao seu antollo e deixar ás persoas afectadas na máis absoluta indefensión. É unha provocación que vaian moito máis aló en recortes de dereitos laborais do que marca o propio Estatuto dos Traballadores e a abusadora e indecente Reforma laboral do Partido Popular.
Tamén é un agravio o papel que están a xogar os sindicatos da Mesa de Función Pública estatal, que deixan no máis absoluto desamparo e desprotección a máis de 800.000 empregados e empregadas públicas. É difícil comprender que motivos poden aducir para deixar abandonado ao persoal en abuso de temporalidade e para impedir que o persoal público de nova incorporación adquira dereitos. As Administracións Públicas, no canto de cumprir a lei, mantiveron a este persoal nos seus postos durante anos e, en moitos dos casos, décadas, impedindo e reducindo a súa capacidade para optar á condición de persoal funcionario tal como exixe o artigo 10.4 do EBEP. Este persoal, sen dúbida, é a vítima destas prácticas fraudulentas e en ningún modo responsable desta situación.
Se o ministro non nos quere escoitar, como demostrou reiteradamente, vainos ter en fronte e loitaremos porque se cumpra a Directiva 1999/80 da Unión Europea que exixe ao estado español que acabe con este abuso de temporalidade.
Estas organizacións sindicais exiximos:
- Unha lexislación que recolla a consolidación real do persoal en abuso de temporalidade.
- A retirada da proposta de modificación do EBEP do ministro Iceta.
- Que non se despida a ningún interino ou temporal ata que non se regularice a súa situación.
- Que se permita e obrigue ás administracións públicas a transformar a relación na figura máis estable no marco no que se move.
Para isto convocamos mobilizacións en todo o Estado español:
O 4 de xuño de 2021 realizaremos concentracións en distintas cidades contra a proposta de borrador do EBEP.
O 18 de xuño de 2021 convocamos folga xeral en todos os sectores públicos pedindo a consolidación das persoas en abuso de temporalidade.
3 de xuño de 2021
Confederación Intersindical, Co.bas, Solidaridad Obrera, SAS, CUT Galiza, Intersindical Valenciana e Ista