A CUT duplicou onte a representación que tiña no comité de empresa da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social na provincia da Coruña. A candidatura que presentamos no Colexio de Especialistas e Non Cualificados obtivo a confianza maioritaria das traballadoras da Residencia de Maiores de Oleiros, un apoio que agradecemos inmensamente e que nos permite sentar dúas delegadas novas nun comité de empresa de vintecinco membros.

Agradecemos tamén os votos recibidos de compañeiras doutros centros como Volta do Castro, Porta do Camiño, CAPD Coruña, Torrente, Menores de Ferrol, Caranza e outros lugares máis pequenos e afastados aos que chegaron as mesas itinerantes para permitir o dereito ao sufraxio.
Pola súa banda, as compañeiras e compañeiros da provincia de Pontevedra lanzaron como proposta unha candidatura no Colexio de Técnicos que foi acollida con 35 votos, a piques de atravesar o umbral do 5%, quedando excluídos por unhas décimas de representación. Neste ámbito a CUT reorganizará as súas forzas e dará a cara dende fóra do comité de empresa contra a precarización do público e en defensa dos nosos servizos esenciais.
Malia o recoñecemento da dimensión da nosa representatividade nesta Consellería inmensa, reafirmamos desde a humildade o noso compromiso na loita a prol da recuperación dos dereitos de todas as traballadoras desta administración pública onde a precarización laboral acada límites insoportables e o desmantelamento avanza a velocidade de cruceiro.
O persoal dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e, en consecuencia, os propios servizos, padecen unha situación de crecente precarización á que temos que facerlle fronte. Non imos achantar fronte a presións nin permitir que se dinamiten máis os nosos dereitos. A blindaxe e protección dos postos de traballo, a creación de emprego público de calidade, unha correcta integración do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que non prexudique as traballadoras de ningún dos dous entes e garanta os dereitos de todas son algúns dos obxectivos polos que esta central sindical vaille facer unha oposición frontal ao desmantelamento e a desvalorización dos servizos públicos e das condicións laborais do persoal planificadas por parte da Consellería de Política Social.
Seremos fieis ao compromiso programático que construimos entre moitas (traballadoras e traballadores da Consellería de Política Social, afiliadas e simpatizantes da CUT) para o proceso electoral que rematou onte e poñémonos a traballar xa, que está todo por facer.
Grazas! A loita é o único camiño!