A CUT presenta por primeira vez candidatura ao SERGAS na área de Ourense

682

Este xoves 20 de abril do 2023, a comarca de Ourense da CUT foi coñecedora da resolución da mesa coordinadora do proceso electoral no Servizo Galego de Saúde en relación coa proclamación definitiva das candidaturas ao comité de empresa.

A CUT preséntase así por primeira vez ás eleccións no SERGAS, en concreto na área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.

Malia as presións e intimidacións sufridas coa finalidade de que a nosa candidatura non se materializara, prevaleceu a implicación, a coraxe e as ansias de máis de medio cento de traballadoras por recuperar a súa voz e levala ao comité de empresa.

Recuperar a voz é recobrar a forza, é darlle sentido á negociación colectiva, é devolver ás mans do conxunto do cadro de persoal a capacidade de solucionar os grandes problemas dun servizo público fundamental para a cidadanía como é o Servizo Galego de Saúde. É, tamén, implicar a cada traballadora do servizo nas decisións do comité de empresa. É, ademais, que todo o poder recaia na asemblea.

Desde a sección Sindical CUT-Saúde querémoslle agradecer o compromiso a todas as compañeiras e os compañeiros que xa quitaron a venda, apoiando co seu nome e corpo a candidatura, que xa é súa, e será a do total da empresa grazas a este primeiro paso en favor dun sindicalismo no que prima, sobre todo, a transparencia na información e a combatividade para loitar contra a precariedade laboral e os problemas reais das traballadoras da sanidade pública galega na provincia de Ourense.

O día 11 de maio o cadro de persoal decidirá a composición do comité durante os próximos 4 anos. Cada día máis e máis compañeiras están xa a quitar a venda deixando ver os seu ollos ben abertos. Para que non nolos volvan tapar máis.

Quita a venda! Votemos Xuntas CUT. Vota CUT!