Unha nova identidade para continuar en movemento

421

A CUT muda o seu logotipo coincidindo coa celebración do XX aniversario do sindicato

A nova identidade gráfica é un traballo da cooperativa NUMAX

Cumprimos 20 anos de existencia e pensamos que chegou o momento de mudar o logotipo que nos acompañou e referenciou desde 1999. Esa roda dentada e esa grande estrela que afortalaron as nosas siglas desde o seu nacemento evolucionan neste 2019 para actualizar a nosa identidade ao contexto actual, sempre coa vista posta na esencia inmutable do que eramos e continuamos a ser, pero en movemento constante. Mirade en 20 segundos a transformación:

O novo logotipo

Sentámonos coas compañeiras da cooperativa compostelá NUMAX e xurdiu a proposta. Un lavado de cara aos caracteres tipográficos do vello logotipo, un proceso de síntese ou elementalización do conxunto e unha maior asertividade, sen perda de contundencia. É un salto grande, pero pensamos que respectuoso coa herdanza gráfica do movemento obreiro e que mantén no ollo a filiación co anterior anagrama.

Con esta renovación de identidade pretendemos favorecer o inclusivo, emparentar a imaxe do sindicato coa realidade actual, chegar aos entornos de traballo contemporáneos onde as desigualdades seguen a ser as mesmas malia que as estéticas viraron radicalmente. Substituimos a roda dentada por outra simboloxía de contestación ou desobediencia, esa plantilla de letras cuarteadas coa que pintar lemas con brocha ou aerosol. Emparentamos cos movementos sociais e menos coas ortodoxias partidarias. Pero mantemos a estrela, máis integradora nas súas aristas e cun vermello máis vivo para os medios dixitais. E a corrección de xénero por fin no peche descriptor do logo, que nos unifica a todos e a todas como “traballadoras”.

A continuación, vemos o logo con outras aplicacións, xunto a submarcas como a da Secretaría das Mulleres ou exemplos de seccións sindicais como CUT Citröen ou CUT CRTVG.

A nova tipografía

Elemento fundamental da nova identidade da CUT é a tipografía Isaac Sans. O seu autor, Marcos Dopico, quixo homenaxear con ela a Isaac Díaz Pardo: “a Isaac recolle esta vella idea de facer compatible a vangarda radical coa funcionalidade dun texto de lectura, pero tamén é unha ollada cara os referentes históricos da tipografía galega”.

O XX Aniversario da CUT

E rematamos esta presentación do cambio de identidade do noso sindicato lembrándovos que estamos de aniversario: a Central Unitaria de Traballadoras cumpre 20 anos neste 2019 e imos celebrar esta data poñendo en valor o que somos e o que queremos e homenaxeando ao longo de todo o ano ás compañeiras e compañeiros que puxeron en pé esta ferramenta de transformación que herdamos e que queremos coidar e fortalecer. O cruño conmemorativo que vedes a continuación vainos acompañar os vindeiros doce meses para lembrarnos que seguimos aquí, en constante movemento. Por un ano cheo de victorias para a clase obreira!