Duro golpe xudicial do TSXG á precariedade e a fraude na Deputación de Pontevedra

331

A sentenza ditada o mes pasado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declara que os centos de traballadoras e traballadores ao servizo dos Concellos e a Deputación pontevedresa eran falsas bolseiras e bolseiros, incluíndo boa parte do persoal do Plan Revitaliza, sen que o interese da Deputación fose o formativo, e si o abaratamento dos postos de traballo.

A Sección Sindical da CUT na Deputación de Pontevedra recibiu con alegría unha sentenza que se pronunciou en bloque sobre a fraude nos contratos de 38 persoas, que prestaban servizos ben no Plan Revitaliza de mestras composteiras (adscrito ao Servizo de Asistencia Intermunicipal, dirixido por Gabriel Rodríguez Alonso), e tamén noutras áreas como o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro ou no Servizo de Arquitectura.

Estas 38 declaracións de indefinidade xorden dunha intervención da Inspección de Traballo, que dado o volume e a entidade da fraude chegou a poñer en coñecemento de oficio dos Xulgados do Social os feitos, nun proceso xudicial no que a CUT interviu asímesmo.

O teatro que se representou por parte dos responsábeis administrativos nos Xulgados, a pesar de estaren baixo xuramento, foi calificado de “esperpéntico e de desvergoñada falta á verdade” pola Sección Sindical.

En realidade, este fallo limitado a 38 casos, resolve sobre unha situación na que naquel momento se atopaban centos de traballadoras con contratos formativos, ao servizo do ente provincial e de diversos concellos da contorna. A CUT denunciaba así a pervivencia nas Administracións de bolsas de traballo precario, e do abuso da situación de necesidade das traballadoras con múltiples esforzos para entrar no mundo laboral; sendo ademais un colectivo moi feble debido á alta temporalidade e á curta duración das bolsas de emprego, así como á falta de experiencia laboral das falsas bolseiras.

Coa escusa da “formación” seguen a cometerse este tipo de fraudes, nos que a formación é deficiente ou sinxelamente non existe. Incluso empregando a estas traballadoras públicas con fins políticos (presentes para arroupar aos cargos políticos na foto do xornal). Así mesmo, a Sección Sindical da CUT no ente denuncia que a fichaxe de “grandes expertos” para a impartición da pouca formación que se chegou a dar, era arbitraria e atribuída a persoas sen aptitude pedagóxica algunha; chegando a encargarlle aos propios traballadores e traballadoras en suposta formación a impartición de módulos.

O contrato en prácticas está ser o método polo que as Administracións (e a empresa privada) perpetúan o traballo precario.

Como manobra de encubrimento da fraude masiva, a Deputación de Pontevedra puxo a andar un Plan chamado “o teu primeiro emprego” para a substitución dos traballadores e traballadoras precarias, a través de novos contratos formativos.

A pesar disto o ente provincial non tardou en incorrer en novas irregularidades, concertando vínculos laborais de duración moito inferior á establecida na convocatoria pública, co ánimo de disolver de maneira inmediata este cadro de precarios non á fin de darlle cumprimento á normativa laboral, que require o recoñecemento de estabilidade, senón para evadir as consecuencias no plano da responsabilidade da constitución dun novo exército de precarios.

Recordamos que os contratos en prácticas teñen unha duración máxima de 2 anos nos que se cobra o 60% do soldo do posto atribuído, no primeiro ano, e o 70% no segundo, excepto cando un Convenio Colectivo aumenta esas retribucións. Con esta degradación salarial, e coa falta dunha auténtica esixencia legal dunha labor formativa por parte da empregadora, están a colocarse baixo esta modalidade traballadoras e traballadores de recente titulación en idénticos postos aos traballadores e traballadoras ordinarias, con idéntica responsabilidade e autonomía, pero cun abaratamento fulminante das súas condicións de traballo, e o secuestro de todos os seus dereitos laborais e sindicais ao tratarse de contratos temporais, desenvolvidos baixo a lóxica do medo e a sumisión.

Este tipo de contratacións, ademais, nin sequera asegura a empregabilidade futura, e non existe obriga algunha de converter unha parte deses contratos en indefinidos, polo que seguen proveendo ás empresas e tamén ás administracións de man de obra barata de “usar e tirar”.

As Administracións están a perpetuar ademais un modelo clasista de xestión onde as tarefas ás que menos valor lle outorgan (que non por iso as menos valiosas) están a ser proveídas de man de obra barata, disciplinada, e servicial. Porque lles compensan cadros de persoal con medo. E o medo debe cambiar, urxentemente, de bando.