CCOO E UXT contra o movemento obreiro e popular

156

O pasado venres día 14 de novembro, as corporacións sindicais CCOO e UGT facían pública a súa convocatoria para o 29N baixo o lema “Dignidad y Derechos”. No discurso que arroupa esta declaración, seguindo a liña argumental xa coñecida dos sindicatos do réxime, dise ademáis que as mobilizacións van orientadas a apoiar o diálogo social.
Esta operación calculada de CCOO e UGT ten dúas lecturas fundamentais: a primeira é constatar que están a quedar fóra de xogo e que se ven forzados a seguir os pasos das Marchas da Dignidade. É este un aspecto, sen lugar a dúbidas, positivo. Por primeira vez na historia recente, as organizacións minoritarias e alternativas somos quen de lle marcar a axenda ás corporacións sindicais tradicionais. Hai tan só un ano sería impensable prever unha situación semellante: a mobilización do 29N é un acordo consensuado a nivel de estado a proposta da Columna Nacional Galega. E as agrupacións, fóra das Marchas, que aínda senten complexos deberan tomar nota.
Pero sería un erro e unha inxenuidade morrer de satisfacción coa primeira lectura. Hai unha segunda que é a constatación da contraprogramación de UGT e CCOO para deslexitimar as actuacións das Marchas. Estes sindicatos, incapaces de mobilizar e maniatados pola súa deriva de traizón sindical de trinta anos, queren parasitar o movemento vivo das Marchas da Dignidade. Paralelamente, embarrados de corrupción ata as orellas, pretenden diluír as súas responsabilidades de roubo ilícito (Eres, Convenios, Formación…) emulando un movemento que non lles pertence, nin por xénese nin por obxectivos.
Desde o mesmo nacemento das Marchas da Dignidade, hai que lembrar que houbo diversos intentos de minar o noso movemento con distintas manobras. Primeiro, a través das Mareas sectoriais onde si teñen presenza estes sindicatos. Logo, a través da Cumbre Social e, recentemente, a contraprogramación da ASG aquí en Galicia ou pola vía de introducirse directamente como tales organizacións sindicais nas Marchas de Málaga e Almería.
A intención de CCOO e UGT está ben clara: dinamitar este movemento superador desde dentro e desde o exterior. Imaxinemos por un momento a crónica do 29N formatada polos media do réxime: éxito das convocatorias de CCOO e UGT e apagón informativo para o “Ocupemos o Obradoiro”. Xa non digamos como poden cubrir o que aconteza en Madrid.
A posición da CUT segue a ser clara: os sindicatos do réxime non poden pertencer ás MdD porque son, en esencia, a mesma negación deste movemento superador. Non poden formar parte das MdD porque nós queremos xustiza social e eles non. Nós queremos república, eles queren Borbón. Nós non queremos pagar a débeda, eles queren lamberlla a Merckel. E, sobre todo, nós queremos acabar co réxime que emana da Reforma Política Franquista mentres eles son un piar e un colaborador necesario do mesmo.
Evidentemente, a nosa posición non nos debe trasladar nunca a escenarios sectarios que imposibiliten a participación de xente traballadora que, aínda tendo a afiliación nestas corporacións, si poden e deben participar e formar parte da Marchas da Dignidade.O 29N, Eu Vou!