Propuxémonos como obxectivo reconstruírnos neste 2017. Pararnos a falar e a analisar. Preguntámonos como mellor podemos sumar nunha unidade popular que derrote este sistema. Por iso no outono deste ano imos encontrarnos e celebrar o noso Congreso Nacional.
Dentro do noso calendario estaba esta nova web, coa que abrir boca. Coa que encetar o ano. Modesta pero que agocha o traballo voluntario de moitas compañeiras e compañeiros, que foron artellándoa peza a peza. Agardamos que che agrade, que sexa útil, que nos sirva para avanzar.
O edificio desta central sindical érguese coas nosas propias mans, sen axudas externas, sen dependencias de ninguén. E este é quizais o noso máis valioso patrimonio. Este é o sindicato que fomos quen de construír, e é teu tamén.
Este sindicato constrúese así. A peciñas. Sen subvencións. Coas nosas propias cotas como afiliadas e afiliados. O que significa que por veces nos lamentaremos polos erros, polas imperfeccións. Por todo o que puidemos ter feito mellor e non puidemos, ou non quixemos, ou non soubemos. Pero coa seriedade e a teimosía dunha central sindical que se constrúe polas traballadoras e traballadores, cos nosos esforzos voluntarios, entregándolle horas de noso. Por veces enérxicas, e outras veces cansas logo das nosas xornadas laborais. Ou fartas de percorrer empregos lixo, e sacrificar a nosa vida na roda dentada do traballo. Ou desfolgadas de procurar traballo e non atopalo.
Se seguimos aquí é porque merece a pena. Porque a propia existencia da CUT xa é en si unha vitoria das obreiras e obreiros deste país. Porque a pesares do cansazo e da dureza da loita, nacemos en cada vitoria, e aprendemos das derrotas, que as hai.
Este sindicato constrúese así. A peciñas. Sen subvencións. Coas nosas propias cotas como afiliadas e afiliados. Pero coa seriedade e a teimosía dunha central sindical que se constrúe polas traballadoras e traballadores, cos nosos esforzos voluntarios, entregándolle horas de noso
Toda a estrutura deste sindicato é o que cada un e cada unha sabemos facer. O que cada unha e cada un podemos achegar. Por nós. Polas nosas. O edificio desta central sindical érguese coas nosas propias mans, sen axudas externas, sen dependencias de ninguén. E este é quizais o noso máis valioso patrimonio. Este é o sindicato que fomos quen de construír, e é teu tamén.
Se procuras un espazo dende o que dar a cara. Dende o que resistirse, dende o que loitar contra a lacra da usura e o lucro capitalista. Un sindicato que se faga pouco a pouco, dende onde poidas construír democracia obreira. Un sindicato que non ceda ao macabro cálculo da representación, e que procure defender a posición xusta custe o que custe, ese é a CUT.
Se buscas un sindicato dende o que defender os teus dereitos como traballadora, como traballador, que non teña medo a dicirlle que non á patronal, que non te deixe soa ou só nos peores momentos esta é a túa casa. Benvida. Benvido.
Que sexa próspero este 2017. Que construamos moitas vitorias obreiras nel. Que construamos os nosos pobos en paz. Que non lle demos tregua a quen quere acabar con nós.