FÚTBOL, O CIRCO SEN PAN

72

É ben sabido que os emperadores de Roma utilizaron o espectáculo do circo e promoveron a construción dos grandes coliseos e anfiteatros en todo territorio do Imperio. O afán de espallar estas obras públicas non foi por casualidade nin por simple contido cultural. O circo dos gladiadores e as feras foi o máis útil e sutil mecanismo para entreter ó pobo de Roma, evitando así o seu levantamento contra a tiranía da clase dominante. Acúñase así para historia o dito de “pan e circo”. Hoxe, dous mil anos despois da caída do Imperio Romano, a utilidade do circo é maior que nunca para quen nos goberna, pero esta vez é o circo sen pan, ou o que é o mesmo: fútbol e miseria. Miseria cultural, miseria de valores e válvula de escape para a represión e a agonía que leva dentro o pobo e a clase traballadora. A través do fútbol chégase á alienación máis grotesca que un se puidera imaxinar das masas populares, sen estas ser conscientes do que realmente agacha o que rodea ese deporte. Aqueles que desde o poder exercen o control férreo da información, os que ditaminan o tipo de lecer que debe cultivar o pobo, os que diariamente secuestran, mutilan ou deforman a información a través dos medios, non só descubriron o fútbol como vía de garantir beneficios fabulosos, senón que ó mesmo tempo son sabedores, como Franco, que é o mellor penso para aferrollar e ter idiotizada a unha gran masa de poboación. O fútbol en gran medida é o substituto do “opio do pobo” que dixera Lenin para referirse á relixión. O pasado mundial de fútbol de Sudáfrica acadou as cotas mais altas no delirio ideolóxico-futboleiro. A capacidade propagandística do réxime, só por falar do caso español, posibilitou que mentres o Goberno de Zapatero aprobaba a sexta Reforma Laboral, ademais dos distintos incrementos fiscais, millóns de traballadores -e o que é máis grave, tamén de galegos- saíran as rúas portando bandeiras fascistas a festexar a fazaña da chamada “selección nacional”. Toda unha escenificación grotesca nunha realidade que supera os catro millóns de parados. Os traballadores e traballadoras non podemos ser inxenuos, non debemos confundir o fútbol como deporte e ó fútbol como monstro idiotizador das masas. O pasado mundial de fútbol non só o imos pagar ben caro as clases populares, falando dos custes, o máis dramático é que ímolo pagar co sufrimento que vai traer toda a restra de medidas que os gobernantes están a preparar para a nova fase do capitalismo que se está abrir: traballadores e traballadoras sen dereitos, a represión continua e indiscriminada e ilegalización das conductas e das ideas disidentes. Os traballadores e traballadoras lúcidos temos que estar claros nesto; queremos pan, é dicir, traballo digno e queremos cultura no sentido amplo, non circo narcotízante das nosas conciencias, que ademais disfraza a doma e castración do noso ser nacional. Manolo Camaño