A SAÚDE É UN DEREITO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES: INSUBMISIÓN, DESOBEDIENCIA

68

Estamos a menos dunha semana para que se execute unha das maiores agresións contra os dereitos do colectivo traballador inmigrante, que conleva necesariamente a expulsión do noso sistema sanitario dos máis de 150.000 traballadores e traballadoras “sen papeis” que residen no noso País. Esta decisión tomada polo Goberno de Rajoy, conlevou a insubmisión dunha serie de Comunidades Autónomas nas que o PP non detenta o goberno, mais será exectuada obedientemente polo goberno colonial galego, nas mans mortas de Núñez Feijoo.Para nós, a principal preocupación, non é tan só a garantía do acceso universal ao sistema sanitario público, que é unha conquista das clases traballadoras, senón o feito de que o goberno de ultradereita afincado en Madrid estea a desenvolver unha estratexia de cisión interna das clases traballadoras, facendo bandeira da xenofobia e da exclusión procurando alentar un discurso que culpabiliza aos movemento migratorios da crise económica, nunha das “clásicas” manobras de distracción das dereitas imperialistas, que arrastrará necesariamente grandes doses de conflito intestino para as traballadoras e traballadores. Unha distorsión máis do que evidente da existencia innegábel dunha loita principal: a da clase traballadora, unida nos seus intereses, contra a explotación e os seus responsábeis nominais.
 
Inseguridade xurídica e un seguro “imposíbel”.
 
A inseguridade xurídica e social para este sector da poboación acada uns niveis de alerta máxima mesmo naquelas comunidades insubmisas, xa que as tarxetas sanitarias destes traballadores e traballadoras serán anuladas. Malia que non coñecemos o alcance desta medida racista amparada no monólogo da “austeridade neoliberal”, si sabemos que se pretende artellar un seguro imposíbel e inasumíbel pola propia lóxica laboral do colectivo de entre 710 euros e 1864 euros (para quen ultrapase os 65 anos), e que mesmo tronza as garantías que menores e mulleres grávidas tiñan deica o agora, baixo o paraugas da asistencia obrigatoria, xa que se prevee a carga do 40% dos medicamentos que deban consumir.
 
 A urxente resposta social.Sen dúbida, quen pretenda despregar este tipo de medidas terá en contra ás mulleres e homes, traballadoras e traballadores, alén da orixe nacional ou étnica, que conformamos a CUT. E tamén, daqueles traballadores e traballadoras dos servizos sanitarios galegos que conservan e actúan dende a profundidade profesional da solideriedade de clase. A CUT apoia as iniciativas activas de boicote a este Real Decreto, e adhírese ao chamado de múltiples organizacións de profesionais saúde para que desenvolvan, dende unha persistencia dignamente desobediente, a atención sanitaria con absoluta normalidade á marxe da situación administrativa de cada traballador ou traballadora.Dende esta central sindical lanzamos ao tempo unha mensaxe de condena contra aqueles e aquelas profesionais que decidan someterse a esta norma, xa que é impensábel que nos tempos que corren ningún traballador ou traballadora se preste a colaborar na reprodución da violencia institucional e social que este goberno pretende sobre nós.Este sistema de inxustiza, exclusión e dominacións imos tumbalo. Esa obra colectiva, das traballadoras e traballadores, comeza agora. Forza e contundencia.