XXV aniversario, historia e futuro

176

Hai vinte cinco anos arrincaba o proxecto sindical da CUT nun contexto de clara dificultade e frustración ante o fracaso da construción dunha central sindical nacional onde se respectaran a dialéctica e as diferentes interpretacións políticas.

Foi entón cando algunhas compañeiras e compañeiros, que fundamentalmente proviñan do sector do mar, decidiron saír do espazo de confort e construír a CUT. E fixérono para manter ergueita a bandeira da loita de clases sen ataduras, sen seren correas de transmisión de partido algún e sen renunciaren á confrontación contra o discurso imposto polo sistema, que xa entón comezaba a ser uniforme no sindicalismo, do que chamaban paz social e non era máis que claudicación.

“Houbo moitos sacrificios, persoais e colectivos, para chegarmos a estes vinte cinco anos, e nese camiño tamén tivemos a satisfacción de crear conflito, verdadeira esencia do sindicalismo”

Houbo moitos sacrificios, persoais e colectivos, para chegarmos a estes vinte cinco anos, e nese camiño tamén tivemos a satisfacción de crear conflito, verdadeira esencia do sindicalismo e panca para gañar dereitos e construír traballo sindical alternativo.

“Nos últimos sete anos, o sindicato dobrou a súa afiliación e gañamos tamén en  representación, pero isto non debe servir para esquecer por que naceu a CUT. Debemos estar sempre en alerta e con capacidade autocrítica para non repetirmos modelos sindicais dos que escapamos hai xa moito.”

Nos últimos sete anos, o sindicato dobrou a súa afiliación e gañamos tamén en  representación, pero isto non debe servir para esquecer por que naceu a CUT. Debemos estar sempre en alerta e con capacidade autocrítica para non repetirmos modelos sindicais dos que escapamos hai xa moito. Non podemos permitir que o sindicato sexa unha asesoría xurídica ou unha xestoría; a nosa finalidade non é outra que medrar no conflito, crear conciencia de clase e minar aos poucos o sistema capitalista opresor. Unha persoa afiliada á CUT ten que ser a primeira en loitar contra o discurso dominante e non escudar a súa inacción no coñecido “é que a xente non quere”; debemos ser persuasivas, insistir, debater, facer pedagoxía e dar exemplo levando a teoría á práctica.

Sabemos que somos necesarias, e non só para combater á patronal, senón tamén para forzar a outras organizacións sindicais a que non se conformen con facer sindicalismo amable, ou cando menos que algunha vez non sexan tan agarimosas co pactismo.

“Debemos estar orgullosas e orgullosos de levarmos vinte cinco anos na CUT, pero tamén debemos respectar a memoria do que nos fixo ser.”

Debemos estar orgullosas e orgullosos de levarmos vinte cinco anos na CUT, pero tamén debemos respectar a memoria do que nos fixo ser. O noso combate diario sitúase na loita contra o individualismo capitalista e, como diciamos o 1ª de maio, “son eu porque somos nós”.

A historia é o facho que ilumina o noso futuro; porque se queremos ter vinte cinco primaveras máis temos que guiarnos polo fío que nos trouxo ata aquí: o mar, o ferro, a terra, a montaxe de produción… a loita de clase.

Este outono celebraremos a nosa IX Conferencia Nacional baixo o título “Historia e futuro”. Será un espazo de encontro e tamén de confraternización para ver onde nos situamos tras 25 anos e onde queremos ir. Xuntas e dende a conciencia de clase buscaremos o camiño.